O PSdeG reclama á Xunta reunir cos propietarios en Fragas do Eume para as adquisicións
En declaracións remitidas aos medios, lembrou que o Grupo Socialista xa trasladou esta cuestión ao Parlamento de Galicia e que continuará facéndoo ante o que cualificou como un "silencio" do Goberno galego
O parlamentario socialista Aitor Bouza reclamou á conselleira de Medio Ambiente, Anxos Vázquez, que se reúna cos propietarios e propietarias das Fragas do Eume e avance nun calendario para as adquisicións de terreo e nun plan específico de actuación sobre o parque.
Bouza participou este domingo na concentración convocada entre Cabanas e Pontedeume polas persoas propietarias das Fragas do Eume para reclamar á Xunta de Galicia que atenda ás súas demandas.
En declaracións remitidas aos medios, lembrou que o Grupo Socialista xa trasladou esta cuestión ao Parlamento de Galicia e que continuará facéndoo ante o que cualificou como un "silencio" do Goberno galego.
Esta mesma semana, na comisión parlamentaria na que a conselleira de Medio Ambiente presentou as liñas orzamentarias do seu departamento, o PSdeG instou á responsable autonómica a recibir a este grupo de cidadáns. "Requirímoslle e esixímoslle á conselleira que recibise ás propietarias e aos propietarios das Fragas do Eume, pero non contestou; nin na primeira intervención nin na segunda", criticou.
Bouza considera que a Xunta non só debe escoitar as súas demandas, senón tamén "acometer o plan e a calendarización que están a solicitar". Este foi a mensaxe que, precisamente, trasladou na súa intervención na comisión parlamentaria como portavoz de Medio Ambiente do PSdeG.
"Non quedemos nos anuncios que se fagan nesta comisión, senón que avancemos realmente nesas cuestións", manifestou. Bouza trasladou o compromiso da súa formación con insistir ata que a Xunta de Galicia dea "unha resposta inmediata, tanto orzamentaria como politicamente" a estas reivindicacións.
Escribe o teu comentario