Vídeo | O Celta non irá a Champions tras perder co Levante pese ao dobrete de Jutglá (2-3)
A vitoria do Real Betis na Cartuxa, sumada á derrota local dos celestes ante o Levante, certifica matematicamente que o equipo vigués non disputará a liga de Campións a próxima tempada.
O Celta de Vigo volveu tropezar en casa ante o Levante por 2-3, nun partido que comezou con todo a favor dos vigueses: Jutglà abría o marcador no minuto catro tras unha combinación brillante con Aspas e Javi Rueda dese o medio do campo que culminou ao segundo pau xa dentro do area.
A alegría non durou toda a primeira parte, no 42 empataban os visitantes tras unha cantada do porteiro Radu a un forte trallazo que non soubo despexar.
Reaccionaron os olívicos no 48, cando Rueda se desmarcou pola dereita e puxo en bandexa o gol a Jutglá, que a empuxou ao bordo da área pequena. Con todo, o Levante, moi necesitado de puntos para afastar ao descenso, volveu á carga e no minuto Adrián de la Fuente recolleu un despexe na frontal e enganchou unha bolea á escuadra.
O nerviosismo apropiouse de Balaídos e os malos presaxios de cumpriron no minuto 62 cando Roger Borgué cabezeó case sen oposición un corner desde a banda dereita nunha xogada que demostrou outra vez que o Celta é débil a balón parado por alto. Non puido reaccionar o equipo de Giráldez que mesmo puido encaixar un gol máis, pois o Levante mandou un balón á cruceta na recta final.
O resultado deixou ao equipo de Claudio Giráldez como o segundo peor local da categoría, con apenas 20 puntos en casa e oito derrotas no seu feudo. Unha estatística devastadora para un club que que tiña ilusións de coar na elite continental.
Mentres tanto, en Sevilla, o Real Betis facía os deberes. Un gol de Cucho Hernández, o empate de Héctor Fort e o definitivo lategazo de Pablo Fornals tras un córner de Isco selaron a vitoria 2-1 ante o Elxe na Cartuxa. O conxunto verdibranco, con Manuel Pellegrini no banco, certificou a súa quinta praza ligueira e, con ela, o billete directo para a próxima Liga de Campións.
O club andaluz regresa á máxima competición europea vinte e un anos despois da súa única participación, na tempada 2005-06, cando superou a fase previa eliminando ao Mónaco antes de caer na fase de grupos ante Chelsea, Liverpool e Anderlecht. Unha fazaña histórica que contrasta coa frustración viguesa.
Para o Celta, a diferenza é xa de sete puntos co Betis cando só quedan dúas xornadas e seis puntos en xogo. As matemáticas son implacables: a Champions non pasará por Vigo esta tempada. Unha conclusión que o propio Giráldez anticipaba á súa maneira ao tachar de "desubicados" a quen soñaban con alcanzar esa competición. O triunfo do Betis, en todo caso, situou a cada un no seu lugar.
O Celta mira cara a Europa League e Conference
Pese ao pau, o curso do Celta non foi un fracaso total. Os vigueses aínda compiten por dúas prazas europeas de segundo nivel: a Europa League e a Conference League. Cos partidos que restan —en San Mamés ante o Athletic o vindeiro domingo, e en Balaídos fronte ao Sevilla no peche ligueiro—, o equipo celeste chegará á última xornada con vantaxe sobre os seus perseguidores, aínda que deberá mirar tamén o que fan os seus rivais directos.
A tempada seguirá, pero o sabor amargo doutra noite en Balaídos acompañará á afección celeste durante días. O soño de volver ver ao Celta na Champions terá que esperar, polo menos, unha tempada máis.
Escribe o teu comentario