Bruxelas ameaza con tomar medidas se España non investiga a fondo o accidente de Angrois
A comisaria de Transportes apoia ás vítimas do Alvia e a procura das circunstancias do descarrilamento máis aló do descoido do maquinista.
Bruxelas apoia ás vítimas de Angrois.
A Comisión Europea pediu á Axencia Ferroviaria Europea que redacte un novo informe para coñecer se o Estado español cumpre coa normativa en materia de seguridade e interoperabilidade, que estará listo como tope o próximo 26 de xaneiro.
Así consta nunha comunicación da comisión de peticións do Parlamento Europeo á plataforma de vítimas do accidente do tren Alvia ocorrido en Angrois.
A comisaria de Transportes, Violeta Bulc, escribiu en xullo á presidenta da comisión de peticións do Parlamento Europeo, Cecilia Wikström que "non pode substituír aos estados membro" e que España debe abrir novas investigacións" sobre as causas do sinistro.
A responsable de Transportes do órgano de goberno da Unión Europea apoia "plenamente o obxectivo primordial" de indagar e resolver cales foron exactamente as circunstancias polas que se deu o descarrilamento, máis aló do descoido do maquinista, que circulaba cun exceso de velocidade á chegada á curva da Grandeira por atender unha chamada do interventor.
INVESTIGACIÓN "INDEPENDENTE"
Incide, respecto diso, que ela mesma, durante a súa última visita a Madrid --en febreiro--, reiterou a necesidade de que se faga unha investigación "independente", ao criticar que a que realizou a CIAF non o foi.
Precisamente ao organismo español competente, a comisaria instoulle persoalmente, segundo indica, a "que siga o consello" da Axencia sobre "as fortalezas e debilidades" do seu informe. A maiores, os servizos da comisión enviaron unha carta á CIAF convidándoa a reabrir a investigación. Fronte a isto, o órgano dixo que estudaría se cambiar de criterio, pero polo momento non deu sinais de que vaia a cambiar o seu ditame.
LISTA PARA "OUTRAS ACCIÓNS"
Por último, e como parte dun proceso "paralelo e distinto", Violeta Bulc informaba á presidenta da comisión de peticións que a Comisión tiña "a intención de encargar" a redacción dun informe á Axencia Ferroviaria Europea sobre "o estado de implementación e aplicación da lexislación da UE sobre seguridade ferroviaria e interoperabilidade en España".
É ese informe o que, segundo comunicou o secretariado da comisión de peticións ás vítimas, "estará listo como moi tarde o 26 de xaneiro de 2018".
"Comparto plenamente as preocupacións da asociación de vítimas sobre a situación actual", subliña Bulc nesta nova lombeirada á plataforma de afectados.
Por último, traslada que está lista, ademais, para "emprender outras accións necesarias" dentro das súas competencias e indica a Wikström que a manterá informada sobre novos avances neste asunto.
Escribe o teu comentario