Tres cafés e un ovo duro

Manuel Fernando González Iglesias

Cafe



Os xornalistas da miña xeración somos adictos ao café por pura necesidade profesional. Xeneticamente poden identificar os fillos non recoñecidos das nosas aventuras galantes pola cantidade de cafeína que deixamos entre dous xenes nun cromosoma, que fan que si ou si nos identifiquen inmediatamente.


O noso non ten remedio e por iso aos consellos da Organización Mundial da Saúde lle temos moi pouco respecto.


Estes días lerían Vds. o moi saudable que é tomar tres cuncas de café ao día segundo asegura a OMS. Vaia descubrimento!


E con todo eu, que non son dubidoso de ser un vicioso do café, poño este consello en corentena, atribuíndo a frenética difusión da noticia aos macabros intereses dos monopolistas deste negocio multimillonario, a saber:


-A Kraft Suchard


-A Procter&Gamble


-A Nestlé


-A Sara Lee


-A Tchibo


Estes son os que compran case a metade dos grans de café que se consomen no mundo e que, por iso, teñen a inmensa capacidade para establecer os prezos, mentres obteñen beneficios de millóns de dólares cada ano. Consumir máis café fainos de ouro.


Que non nos enganen. O prezo do café decídese na Bolsa de New York e non onde se cultiva ou empaqueta, o cal fai que miles de agricultores dos países máis pobres do mundo se arruínen cada ano coas colleitas que cultivan porque os corredores do parquet nunca puxeron os pés nun cafetal e por tanto deciden os prezos en base aos intereses dos seus representados.


A Fairtrade International, que é a que anda detrás do que se chama o comercio xusto, non funciona así, porque trata que o beneficio da venda do café chegue ao campesiño pobre e non aos especuladores internacionais ou ás grandes multinacionais da distribución.


Por iso, se a idea de tomar tres cuncas de café ao día bendicida por a OMS se acompañase do dato de que ese mesmo café leva engadida a etiqueta do comercio xusto, aínda que a cunca nos saíse algo mais cara, eu apuntaríame o primeiro á moi difundida iniciativa.


Pero como moito temo que a orixe da idea non é tan honorable, agarrareime ao que me recomenda a miña médica de cabeceira:


Escoite, Don Manuel, Vd. é hipertenso e non debe tomar máis que unha cunca de café descafeinado ao día, porque se se mete pola mañá un par de cafés no corpo, a tensión dispararáselle a 14/7; e se lle engade a terceira cunca do mediodía, tereille que subir a dose de Losartan e Amlodipino a tres tomas diarias. Así que Vd. mesmo!


Ante semellante disxuntiva, Vds. comprenderán que ao do consello da OMS tereille que recomendar a Vds. aquilo que xa sentenciou Marx (Don Groucho):


Tres cuncas de café... e un ovo duro!


...desexando que ao facelo se fodan as multinacionais da familia das rubiáceas.


Artigo publicado orixinalmente en Pressdigital

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Máis opinión
Opinadores

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE