O sector lácteo, o esquecido da reunión entre Feijóo e Competencia
Unións Agrarias lamenta a "ocasión perdida" para reclamar "un cambio de modelo" e "prezos dignos" para o leite.
Unións Agrarias trasladou a súa "decepción" e lamentou a "ocasión perdida" por Núñez Feijóo para "forzar un cambio de modelo de actuación" da Comisión Nacional de Mercados e Competencia cara aos gandeiros de leite galegos.
O sindicato sinalou que o órgano regulador "prima sempre os intereses das industrias e a distribución" fronte aos dereitos dos produtores, indicando que "todos os fallos e ditames da CNMC" protexen os intereses das grandes superficies.
"Dabondo son coñecidas as presións da CNMC cara á base produtora láctea cando se tentan fixar prezos de referencia dignos para o leite, en nome dun libremercado que non é real, xa que os gandeiros son cativos das industrias polo modelo de explotación tras a eliminación de todos os mecanismos de regulación da produción", indica.
"Esta lei da selva", engade, que a CNMC avaliou "como non preocupante", que permite "que se saturen os circuítos comerciais para forzar as caídas nos prezos en orixe" ou que se importe "de modo masivo leite líquido ou derivados a prezos moi por baixo do que se pagan" a produtores de países de orixe.
Escribe o teu comentario