Os Vinte e oito apoian estender o "paquete lácteo" máis aló de 2020
Os ministros de Agricultura dos gobernos da Unión Europea mostráronse este luns a favor de estender o denominado "paquete lácteo" máis aló de 2020, en liña coa postura que a Comisión Europea expresou no informe que presentou en novembro sobre a implementación destas medidas.
"O Consello (da UE) tamén foi positivo en relación á implementación do paquete lácteo e a súa extensión a partir de 2020", expresou nunha rolda de prensa o ministro de Agricultura, Pesca e Dereitos dos animais de Malta, Roderick Galdes, tras a reunión de ministros do ramo en Bruxelas á que finalmente non puido acudir a ministra española, Isabel García Tejereina, por motivos persoais.
O comisario de Agricultura e Desenvolvemento Rural, Phil Hogan, presentou aos Vinte e oito o informe que elaborou o Executivo comunitario sobre o "paquete lácteo", adoptado en 2012 co obxectivo de fortalecer a posición dos produtores lácteos na cadea de subministración e para preparar ao sector para unha orientación máis centrada nas leis de mercado tras o fin das cotas.
Neste estudo, Bruxelas informou de que os agricultores europeos fan uso cada vez máis dos instrumentos que ofrece o paquete, como as negociacións colectivas das cláusulas contractuais a través de organizacións de produtores ou o uso de contratos escritos. Tamén confirmou que era partidaria de estender a súa vixencia máis aló de 2020.
Os ministros de Agricultura abordaron tamén a situación dos mercados agrícolas, con especial atención ao sector lácteo. Sobre esta cuestión, o ministro maltés destacou os progresos conseguidos nos últimos meses, pero engadiu que os ministros expresaron as súas preocupacións pola volatilidade nos prezo.
Segundo os datos expostos durante a reunión polo comisario irlandés, o prezo medio do leite creceu un 25% durante a segunda metade do ano pasado, ata os 32 céntimos por quilogramo, e espérase que siga mellorando. Por outra banda, os prezos de produtos lácteos tamén se incrementaron de forma "substancial" desde maio de 2016.
Neste sentido, Hogan explicou que a produción de leite no bloque comunitario empezou a diminuír en xuño do pasado ano, cunha caída "importante" do 3,8% en novembro, a pesar de que as entregas acumuladas entre xaneiro e novembro foron uns 0,7% superiores ás do ano anterior.
Durante a rolda de prensa, o comisario tamén salientou o sentido de "responsabilidade" de Bruxelas con respecto á saída ao mercado de leite desnatada en po almacenada dentro do programa de intervención pública, ao mesmo tempo que asegurou non entender a postura dos manifestantes que se concentraron este luns fronte ao edificio do Consello da UE por este motivo.
Doutra banda, o ministro maltés subliñou que os ministros do ramo destacaron a importancia e os potenciais beneficios económicos resultantes dos acordos de libre comercio da UE, aínda que tamén advertiron sobre as consecuencias de concluír tratados "desequilibrados" con "países competidores".
Por iso, Galdes afirmou na rolda de prensa que os Vinte e oito pediron á Comisión Europea que teña en conta todas as "sensibilidades" de sectores específicos nas negociacións destes acordos de libre comercio.
Escribe o teu comentario