As vítimas piden investigar tres cargos máis de Adif polo sinistro do Alvia

|

Adifvictimasalvia


A plataforma de vítimas do accidente do tren Alvia ocorrido en Angrois en xullo de 2013 pide que tres persoas máis sexan investigadas pola súa relación co sinistro que supuxo 80 mortes e 144 feridos.


De ser así, sumaríanse ao maquinista, Francisco Garzón Amo, e a Andrés Cortabitarte, director de seguridade na circulación de Adif desde setembro do 2006 a decembro de 2013, aos que o xuíz atribúe os 80 homicidios e as 144 lesións por imprudencia profesional grave, ao primeiro por conducir descoidado por unha chamada telefónica do interventor e ao segundo pola ausencia dunha análise de riscos integral na infraestrutura.


En concreto, as vítimas queren que se interrogue como investigados a Manuel Besteiro Galindo, tamén director de seguridade na circulación de Adif; a Fernando Rebón Sartal, xerente da área de seguridade na circulación noroeste de Adif; e a José Antonio García Díez, xefe de inspección da xerencia de área de seguridade na circulación noroeste de Adif.


"Consideramos que estas persoas que tiñan eses cargos na data de posta en marcha da liña teñen responsabilidade directa nos feitos investigados e por tanto deben declarar en calidade de investigados". 


PIDEN QUE DECLAREN CINCO RESPONSABLES DE RENFE


A asociación, á que representa o avogado Manuel Alonso Ferrezuelo, demanda ademais que o titular do xulgado número 3 de Santiago cite a declarar a cinco responsables de Renfe que participaron na reunión na que se tratou o aviso do xefe de maquinistas sobre o perigo da curva da Grandeira, pouco despois da inauguración da liña de alta velocidade que conecta Ourense coa capital galega.


En concreto, a testifical pretende que declaren no xulgado Rafael Sardón Tejedor, Francisco Cota, José Luis Vilariño, Nicolás Esquerdo Nadal e Eugenio Guijarro.


TESTIFICAL DE 17 MEMBROS DE ADIF


Reclama, igualmente, outra testifical consistente en que declaren 17 membros de Adif que estiveron presentes noutra reunión que abordou a necesidade de evitar os saltos de velocidade neste traxecto. Pouco antes da súa entrada en Compostela, o tren debía reducir a súa velocidade duns 200 a 80 quilómetros por hora, sen a existencia do sistema de control continuo de velocidades ('ERTMS') na vía nin o funcionamento do incorporado ao convoi.


No relativo aos 17 nomes de Adif, "todas e cada unha destas persoas participan e así consta nunha reunión da cal se levantou acta", destaca o avogado.


Na devandita reunión, segundo explica, tratouse principalmente a coordinación do cadro de velocidades máximas, e o acta recolle que "a dirección de vía remitirá nesta semana un novo proxecto" e "estudaranse os tres tipos (...) para tratar de dar homoxeneidade (...) e evitar saltos de velocidade".


A asociación pretende "aclarar por que era importante evitar ou homoxeneizar eses saltos de velocidade, e se finalmente tomaron medidas para evitalos".

relacionada A Audiencia rexeita eliminar do proceso o informe da CIAF sobre o caso Alvia
relacionada Adif recorre a imputación do seu ex xefe de seguridade polo accidente do Alvia
relacionada O xuíz do caso Alvia atribúe ao xefe de seguridade de Adif os delitos de homicidio

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




Non está permitido verter comentarios contrarios á lei. Nos reservamos o dereito a eliminar os comentarios que consideremos fora de tema.
Cabecerarecomendadosgal 2
Cabeceraultimahora 2
Cabeceralomasleidogal 1


Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Condicións de uso Consello editorial
Powered by Bigpress