A montaña pariu un rato

Manoel Barbeitos
Economista

Como era de esperar, a pesares do barullo informativo montado -vivimos unha época de febre informativa, capitalismo da vixilancia, no que hai que vender unha nova distinta por segundo- o "primeiro cara a cara" entre o Presidente do Goberno español (PSOE/UP), señor Sánchez, e o novo líder do Partido Popular (PP), señor Feijoo, apenas aportou novas políticas de interese: "a montaña pariu un rato".

 

Non debera sorprender que eso pasara, especialmente si temos en conta varias circunstancias. En primeiro lugar, o contexto no que tivo lugar: unha interpelación no Senado,  cámara que non ten a resonancia, pública e mediática, do Congreso. En segundo lugar o formato, unha pregunta, que tanto limita os tempos (14 minutos divididos a partes iguais: sete para cada un) como os contidos das intervencións. 

 

Finalmente a propia talla política e intelectual destes dous dirixentes. Resulta evidente que tanto o señor Sánchez como o señor Feijóo son dous políticos de baixo perfil que carecen dunha oratoria rica e convincente, algo que non resulta raro xa que tamén sucede con practicamente a maioría dos líderes políticos europeos. Unhas crises de liderados que, en parte, explican o crecente auxe das forzas de extrema dereita.

 

Unha carencia que leva a que o señor Sánchez sexa incapaz de defender con autoridade e convicción os  indiscutibles logros e melloras acadados polo seu Goberno (PSOE/U) por caso na xestión orzamentaria, no emprego e as relacións laborais, no benestar social, na igualdade de xénero, no medio ambiente, na rebaixa do souffle independentista catalán, na consecución de amplas maiorías parlamentarias... Uns logros conseguidos nun difícil e excepcional contexto marcado tanto por unha pandemia como por unha guerra en Europa.

 

Algo parecido, incluso máis acentuado, sucede co novo líder da oposición (PP), o señor Feijóo. Atrévome a afirmar que logo desa pequena confrontación parlamentar medrou a sospeita cidadán de que o Partido Popular (PP) segue tendo un grave problema de liderado. Porque sen a cobertura dunha maioría absoluta parlamentar, dun regulamento feito a medida e unha prensa subvencionada que magnifique os logros e oculte os recorrentes erros e trolas -como sucedía en Galicia- o señor Feijóo camiña no escenario político español, tal e como sinalaba nun artigo anterior neste mesmo medio, lixeiro de equipaxe.

 

Así o demostran, a pesar do curto espazo de tempo transcorrido dende o seu nomeamento como portavoz do Partido Popular (PP), os recorrentes e gordos patinazos, como por caso reclamar unha baixada de impostos cando ninguén, nin sequera o FMI, o defende, ignorar que os traballadores fixos descontinuos non computan como desempregados, confundir a prima de risco cos tipos de xuro, mentir sobre o número de afiliados a seguridade social e sobre a reforma educativa, descoñecer que causa a actual inflación, ignorar a excepción ibérica aprobada pola Comisión Europea para os prezos da enerxía, etc.

Uns patinazos que reflicten un comportamento frívolo e impropio dun portavoz da oposición, pero que de continuar contribuirán tanto a cuestionar o seu liderado no Partido Popular (PP) como a fortalecer a Vox.
 

20220309 648259 FeijooFeminismoMO 1 1
El Presidente del Paritdo Popular - Alberto Núñez Feijóo

 


 

 

 

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Máis opinión
Opinadores

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE