Arquivo: Feijóo nunha reunión do Consello da Xunta.
Mentres a guerra segue en Ucraína, a pandemia continúa golpeando e dispáranse os prezos a causa dos carburantes, a electricidade e os alimentos. A dereita española e galega (PP) move os seus peóns e mudan as súas cabeceiras.
Mudanzas que non son nada convencionais, pois van dende o relevo na Presidencia da Xunta de Galicia á substitución na dirección do Partido Popular. Unha posición que sempre lidera quen vai ser o/a candidato/a da Presidencia do Goberno español.
No artigo anterior deste mesmo medio xa expuxen a miña visión do relevo na Presidencia da Xunta. Unha visión que os feitos confirmaron: non era nada difícil dada a correlación de forzas. En relación ao relevo na presidencia do PP en España, o escenario aparece como moi diferente xa que, a pesares do escaso tempo transcorrido, resulta evidente que, diga o que diga o CIS, non lle vai a resultar doado ao señor Feijóo situarse nunha posición de partida tal que lle permita optar con garantías á presidencia do Goberno español.
As razóns desta aseveración apóianse na evidencia de que a inicial posta en escena mostra a un dirixente político "lixeiro de equipaxe". Suponse que un candidato á Presidencia debería ter, fronte a pandemia e o impacto da guerra en Ucraína, un programa alternativo dun certo nivel de rigor e credibilidade. Por tal razón, sorprende que o núcleo central sexa unha baixada nos impostos, algo que en occidente practicamente ningunha autoridade ou organismo internacional (EEUU, UEM, FMI, BM.....) defende por tratarse dunha medida fiscal que nas circunstancias actuais provocaría unha grande depresión económica, dispararía aínda mais o desemprego e a desigualdade e faría que as débedas medraran exponencialmente.
Cómpre sinalar, ademais, que unha proposta fiscal desa natureza é contraria ás normas fixadas pola Unión Europea. Un dirixente lixeiro de equipaxe non aporta ningunha novidade, neste caso, en materia de alianzas políticas. Así e como estamos vendo a súa postura en relación tanto ao Goberno de Castela-León, recentemente constituído, como aos gobernos autonómicos de Madrid e Andalucía, e a de avalar as alianzas do seu partido coa extrema dereita (Vox). Esta é unha aposta política que, ademais de contribuír ao branqueo desta organización, está en clara disonancia coa posición maioritaria nas dereitas europeas, quen defenden a creación dun cordón sanitario democrático.
O mesmo sucede con relación á corrupción sistémica que como hedra se aferra ao seu partido. Cando continua o goteo de casos de corrupción por actividades pasadas (Gurtel), ao tempo que aparecen outros máis (un novo pelotazo madrileño polo reparto de comisións millonarias na venta de máscaras), tamén con destacados responsables do Partido Popular implicados (señora Ayuso e señor Almeida), a reacción do señor Feijóo é a mesma ca que tivo o señor Rajoy fronte a corrupción ("ese señor do que vostede me fala"). A mesma reacción tívoa fronte as fundadas sospeitas dun trato de favor na adxudicación de decenas de contratos por parte da Xunta de Galicia a unha sociedade onde traballa unha familiar moi próxima.
A actitude de mirar para o outro lado: nada novo na equipaxe. Finalmente, quería subliñar que non deixa de producir certa sorpresa que, nos seus primeiros movementos en materia de política internacional, o candidato adopte unha posición política semellante á do señor Casado que consistiu en criticar sistematicamente ao Goberno nas instancias e foros internacionais.
Unha posición que, como é ben sabido, resta credibilidade tanto en Europa como cuestiona a talla de estadista de quen a mantén. Velaí algunhas das razóns que nos levan a subliñar por que na súa nova etapa política, agora como líder da dereita española, o señor Feijóo está a aparecer como un político lixeiro de equipaxe.
Escribe o teu comentario