Que bochorno!

Manoel Barbeitos
Economista

Desde este pequeno espazo, que xentilmente me regala Galiciapress para que expoña libremente as miñas ideas, non podo por máis que sumarme ás voces autorizadas que se lamentan do espectáculo que algunhas forzas parlamentarias ofrecéronnos con motivo do debate e votación sobre a Reforma laboral (Real Decreto Lei 32/2021). Espectáculo vergoñoso que pon de novo en evidencia que tipo de democracia defenden os partidos das dereitas así como o pouco ou nulo respecto que lle teñen ás institucións democráticas, como por caso ao Parlamento. Unha falta de respecto que, por outra banda, non se produce só no hemiciclo español, senón que se repite tamén no galego a pesar da moi distinta posición política (oposición no primeiro caso, goberno con maioría absoluta no segundo).


Independentemente de que consideremos absolutamente lexítimas as diverxencias sobre a Reforma laboral aprobada polo Goberno español de quenda (PSOE/UP), a actitude das dereitas españolas (PSOE/VOX) no debate parlamentario non pode clasificarse máis que como vergoñosa. En primeiro lugar, quedou en evidencia que estivemos a piques de asistir a un novo "Tamayazo". Como posteriormente sóubose , o cambio a última hora do voto dos dous deputados de UPN, en contra tanto das súas declaracións anteriores como da posición feita pública polo seu partido, non respondeu a discrepancias co texto lexislativo, senón ás convincentes razóns que lle ofreceron as dereitas. De novo, a pantasma da corrupción e a felonía salpicou á política española. Non menos bochorno produciu observar o comportamento de moitos dos deputados e deputadas nos escanos ocupados polas dereitas (PP/ VOX) cando finalmente, logo dun novo reconto, o Goberno gañou a votación a favor da aprobación. Os citados parlamentarios converteron a Cámara en algo parecido ás bancadas dun campo de fútbol repletas de hooligans bébedos.


Espectáculos vergoñosos tamén veñen producindo no parlamento galego por mor de as repetidas malas artes do presidente da Xunta a a hora de render contas diante do Parlamento da xestión do seu goberno e aí están as hemerotecas para demostralo. Nesta semana tivemos novas evidencias do subliñado cando, por caso, para xustificar a súa ineficacia na xestión dos recursos públicos, acusa o goberno español de prexudicar a Galicia na repartición dos fondos derivados delvos Next Generation. Unha acusación que ás evidencias desmontaron contundentemente cando saíu a luz que o Goberno galego vai recibir o 6% dos fondos -porcentaxe equivalente á súa poboación- mentres que este, pola súa banda, non executou nin o 50% dos últimos fondos europeos rexionais (FEDER) asignados a Galicia, o que pon en evidencia unha moi deficiente xestión e que, unha vez máis, tira por terra a pretendida imaxe de bo xestor do señor Feijóo. Malas artes que con irritante periodicidade ven reflectidas nas correspondentes sesións de control do Parlamento a Xunta de Galicia cando o presidente, no canto de dar conta das actuacións do seu goberno como sería preceptivo (PARLAMENTO DE GALICIA. Resolución 27 febreiro do 2017. BOE 7 marzo 2017), aproveita a sesión para lanzar, desde a tribuna, acusacións sen fundamento a oposición, cando non ataques directos e persoais aos seus lideres. Un comportamento impropio dun líder político demócrata.  


A necesidade de denunciar este tipo de comportamentos políticos -que utilizan a rifa, o insulto e os ataques persoais como táctica no debate político parlamentario- responde o convencemento, avaliado pola experiencia histórica, de que lle fan un enorme dano á democracia, á credibilidade das institucións públicas máis relevantes como, por caso, o Parlamento, á vez que axudan a que creza o desprestixio da clase política. Crean así un caldo de cultivo moi favorable para que creza entre a cidadanía a preferencia polos postulados fascistas e intolerantes como, por caso, vimos de comprobar nas eleccións recentemente celebradas en Castela León onde se produciu un crecemento espectacular do máis xenuíno representante deses postulados (Vox). 


Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Máis opinión
Opinadores

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE