As esquerdas galegas a procúraa dun novo perfil

Manoel Barbeitos
Economista

Nesta semana que vén de pasar, asistimos no escenario político galego aos que parecen ser, por parte das esquerdas maioritarias, movementos á procura de novos perfís coa mirada posta tanto nas eleccións municipais de 2023 como nas autonómicas do 2024.


Aínda que esas dúas citas electorais quedan lonxe, non deixa de ser rechamante que a estas alturas esas organizacións (BNG, PSdeG/PSOE) aínda estean a procurar ocupar un espazo en base a un novo perfil. Enténdese que as continuas derrotas fronte ao PPdeG conduzan ás esquerdas á revisión das estratexias, pero non parecen lóxicas tantas e tan relevantes cambios. Máis aínda cando non está moi claro o final, pois as resistencias internas aos cambios anunciados son importantes.


A pesar do escaso tempo transcorrido desde que a señora Pontón fixase como obxectivo estratéxico da súa organización (BNG) a conquista da Presidencia da Xunta de Galicia nas eleccións autonómicas do 2024, xa se perfilan con claridade os dous camiños que se defenden desde esa organización soberanista. A vía heterodoxa, que lidera Ana Pontón, que busca "ampliala base social" e converter ao BNG "no partido galeguista do século XXI", o que necesariamente lle obriga a unha modulación das estratexias históricas e unha actualización dos discursos para así atraer ao electorado que se quere gañar, pero sen que estes movementos teñan que supoñer necesariamente grandes renuncias a longo prazo. A vía ortodoxa, que defenden os dirixentes da UPG que queren manter un statu quo no que ese partido sexa quen marque, a piñón fixo, a liña do BNG no curto, medio e longo prazo.


O tempo dirá como se resolven estas diferenzas, pero dúas cousas deberían estar claras. Unha, que o peor que lle pode pasar ao BNG é que Ana Pontón teña que seguir o camiño que antes percorreron X. Manoel Beiras e Anxo Quintana. A outra, que tamén sería moi negativa para o BNG, que a señora Pontón, por mor das resistencias internas, termine renunciando aos seus actuais postulados. Calquera das dúas vías devolvería ao BNG ao furgón de cola da política galega.


A enésima crise cainíta do PSdG-PSOE resolveuse (?) cunha contundente saída a escena do poder municipalsocialdemócrata (alcaldes e alcaldesas, presidentes e presidenta de Deputacións). O obxectivo político parece ser tanto o de confirmar nas próximas eleccións municipais do 2023 a actual representación local canto dacabalo da mesma dar o salto á presidencia da Xunta (2024). Obxectivo este último para o cal lle falta un candidato e un programa. En relación ao primeiro, o novo candidato vai atopar con tres grandes dificultades. Terá que competir con dous pesos pesados da política galega, como son o señor Feijoo e a señora Pontón. Terá que facelo desde fóra do Parlamento galego, o que lle restará moita visibilidade e protagonismo, estando ademais limitado polo estigma de ser o enésimo candidato do PSdeG-PSOE á presidencia da Xunta de Galicia. Difícil, moi difícil empeño.


En ambos os casos (BNG, PSdeG/PSOE) a distancia das próximas contendas electorais xoga a favor das súas estratexias partidarias. Un camiño, camiño longo con moitos interrogantes. Entre eles o que dará de si a nova cara de Unidas Podemos, algo que aqueles non deberían desprezar porque en calquera dos casos restaralles votos.


Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Máis opinión
Opinadores

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE