Como ben sinalara o maxistrado Joaquim Bosch, exportavoz de Xuíces e Xuízas pola democracia, "ás veces teño a amarga sensación como xuíz de que as leis son telearañas que collen as pobres moscas e deixan pasar as avespas e os abellóns".
En repetidas colaboracións con este medio veño expoñendo a miña preocupación por uns comportamentos do poder xudicial que favorecen que entre os cidadáns dos pobos de España se estenda a sospeita de que as súas actuacións non se corresponden cos dun poder que tutela os dereitos e as liberdades de todos. Os estudios mais serios apuntan a que a percepción dos cidadáns españois sobre a independencia dos xuíces é das mais negativas da Unión Europea, criterio compartido por moitos xuíces e xuízas. Velaí que cada día que pasa medren mais entre os/as maxistrados/as as voces criticas sobre un poder do estado nos que tanto as interferencias políticas como as presións dos poderes económicos impiden a independencia xudicial. Como ben sinalara o maxistrado Joaquim Bosch, exportavoz de Xuíces e Xuízas pola democracia, "as veces teño a amarga sensación como xuíz de que as leis son telearañas que collen as probes moscas e deixan pasar as avespas e os abellóns".
Unha das manifestacións mais recentes de que tal sensación ten fundamentos tivémola coa actuación xudicial no Caso Kitchen (o n-simo caso de corrupción do Partido Popular) cando o maxistrado de torno pechou a investigación salvando, unha vez mais, aos directivos do Partido Popular e aos grandes empresarios involucrados no caso (Iberdrola, Caixabank, Repsol) da investigación que reclamaba un demostrado caso de financiamento ilegal do partido, un uso indebido de fondos reservados, unhas actuacións ilegais de axentes policiais, actos ilexítimos de espionaxe e captación de corruptos.... Unha actuación xudicial tan escandalosa, con denunciantes que rematan sendo acusados, que provocaría unha reacción da acusación particular que decidiría recorrer a decisión do xuíz. Con actuacións xudiciais como esta que se repiten unha día si e outro tamén, como non entender que o poder xudicial español estea baixo sospeita. Unha desconfianza que non se deriva da actuación individual de determinados maxistrados senón dun continuo de actuacións xudiciais que confirman que estamos diante dun problema sistémico.
Que estamos diante dun problema sistémico do poder xudicial resulta indiscutible cando dous dos seus mais relevantes órganos, como son o Tribunal Supremo e o Tribunal Constitucional, aparecen sempre na primeira liña das sospeitas polas as súas resolucións. Recentemente o Comité de Dereitos Humanos da ONU pedía a España que borrara os antecedentes penais do xuíz Baltasar Garzón por considerar que "o Tribunal Supremo español, que condenou no 2012 ao xuíz Baltasar Garzón, a 11 anos de inhabilitación tras seren procesado polos casos Franquismo e Gurtel vulnerou o artigo 14.1 do Pacto Internacional de Dereitos Civís e Políticos e non respectou o dereito de xuíz a un proceso coas debidas garantías por un tribunal competente, independente e imparcial". Maior bochorno imposible!. O Comité de Dereitos Humanos da ONU viña así a confirmar o que era unha sospeita moi estendida: que o xuíz Garzón fora obxecto dunha vinganza na que o Tribunal Supremo exerceu de executor e os partidos maioritarios (PSOE, PP), implicados nos casos por el investigados (GAL, Gurtel....), de puntas de lanza xunto a non poucos maxistrados e periodistas inimistados co polémico xuíz.
Este novo cuestionamento do poder xudicial español, en realidade trátase dunha acusación de prevaricación, confirma o carácter sistémico dun problema que afecta a unha das bases do estado poñendo continuamente en risco a lexitimidade democrática do mesmo. Diante de tales evidencias como negar que o poder xudicial español está baixo sospeita?. Pensemos que no caso do Tribunal Supremo se repiten con demasiada frecuencia as actuacións que levantan sospeitas cando non indignación como, por caso, a dilixencia e a dureza con que actúa contra dirixentes políticos de esquerdas e nacionalistas fronte a lentitude e benevolencia que aplica cando se trata de dirixentes das dereitas e/ou grandes empresarios.
Como ben sinala a profesor e prestixioso xurista Javier Perez Royo dados os incontables casos de corrupción que hai en curso as "sorpresas" poden continuar para maior vergoña do poder xudicial español.
Escribe o teu comentario