Cando a política ocupa o seu lugar

Manoel Barbeitos
Economista

Nos últimos tempos tivemos evidencias de como cando en política aplícase o sentido común ata os problemas que se consideraban máis difíciles de resolver atopan solucións que antes parecían imposibles.


Vén isto a conto do sucedido en relación co chamado "conflito catalán". Foi suficiente que tanto o goberno español como o catalán, especialmente os partidos que o forman, desen pasos na boa dirección para que o escenario apareza moito máis clarificado. Foi tamén importante para a construción deste novo escenario que a política relevase á xustiza, que os gobernos substituíran aos poder xudiciais. Cando se está diante de problemas políticos non caben solucións xudiciais senón políticas que, neste momento, non poden marcar outro camiño que non sexa o do diálogo e a negociación, polo que deben ter en conta a correlación de forzas. Por caso que España, como estado, nin é a antiga Iugoslavia nin moito menos a URSS.


As declaracións últimas do señor Oriol Junqueras (presidente de ERC), tan diferentes ás de non hai moitos meses, recoñecendo agora que "a unilateralidad non é viable" abren a porta á negociación política. Benvida sexa esa declaración, só lamentar que se tardou tanto en recoñecer algo que era moi evidente. Benvido sexa tamén, por parte das forzas independentistas catalás, a aceptación da evidencia de que o escenario político actual en España non é o mesmo que cando a DIU (outubro do 2017). Nin este goberno español (PSOE/ UP) é comparable ao goberno anterior do PP, nin Sánchez é Rajoy. Tampouco o actual escenario político catalán é o de antes, como por caso demostraron as últimas eleccións autonómicas que situaron ao PSC, que nin é Cs nin moitos menos o PP nin tampouco o PSOE, como primeira forza en Cataluña. Eleccións nas que, por caso, os partidos independentistas perderon 650.000 votos: un dato relevante.


Na configuración do novo escenario tamén está a ser fundamental que o goberno español de quenda (PSOE/ UP) entendese definitivamente que os problemas políticos esixen solucións políticas e non xudiciais. Que a vía da confrontación e deslegitimación aberta polo Partido Popular (PP) nin ofrecía solucións nin era democrática. Que apoiarse na forza represiva do estado é mostrar debilidade e falta de ideas. Axudaría que o goberno español entendese e aceptase que en democracia todas as reivindicacións, incluída a independencia dunha parte, son lexítimas se se defenden democraticamente. Que son os pobos quen ten que decidir e non os aparellos do estado.


Se definitivamente confírmase que no chamado conflito catalán a política pasa a ocupar o lugar preeminente que lle corresponde estaremos, sen dúbidas, diante dun novo escenario político. Son tempos de dialogo e negociación a pesar dos intentos de crispación por parte dos políticos da Praza de Colón que parecen querer poñer aos pobos de España cara ao sol e coa camisa azul.    


Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Máis opinión
Opinadores

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE