As residencias e o dereito a unha vellez digna

Manoel Barbeitos
Economista

Estes días pasados asistimos no Parlamento galego a un debate, froito dunha iniciativa do Bloque Nacionalista Galego (BNG), sobre o estado actual das residencias de maiores en Galicia. Unha oportuna e necesaria iniciativa, aínda que algo tardía, visto o sucedido coa pandemia cando se puxo en evidencia que os poder públicos galegos non son quen de garantir un dereito constitucional fundamental: o dereito a unha vellez digna (Art. 50, C.E.). A pesar dos intentos de censurar e ocultar os feitos aos galegos e ás galegas podemos saber que en Galicia moitas das residencias de maiores están nun estado lamentable desde o punto de vista da atención aos usuarios: practicamente a metade dos mortos por coronavirus tiveron lugar nas residencias de maiores. A este dato habería que engadir o alto impacto que a pandemia tivo entre os traballadores dos centros.


A realidade das residencias pon en evidencia dúas características. A primeira é a preferencia pola iniciativa privada que xestiona o 76,3% dos centros e oferta o 76,8% das prazas, valores que están por encima da media española (73,2% en ambos os casos). A segunda que o número de prazas é claramente deficitario (3,1% fronte a 4,2% de media en España) a pesar de contar cunha poboación na terceira idade claramente superior (25,5% fronte ao 19,4%). Un déficit este que é consecuencia da citada menor presenza pública (23,2% das prazas, 23,7% das residencias). Pola súa banda a pandemia tamén deixou en evidencia a distinta atención que se lle presta aos maiores segun estas residencias sexan públicas ou privadas: o 99,5% dos falecementos en residencias producíronse en privadas.


Un dato que se explica en gran parte porque nestas residencias privadas son moi comúns unhas condicións laborais deficientes (salarios baixos, contratos precarios, temporalidade, baixas non retribuídas, altísima rotación... ) e un soporte sanitario insuficiente (escasa presenza de persoal de enfermería, insuficiente formación, elevado número de persoas atendidas por empregado...). Unha situación que non debería estrañar xa que, como empresas privadas que son, procuran a máxima ganancia, un obxectivo que con frecuencia vese facilitado pola falta dun seguimento e unha regulación pública que esixa un exhaustivo control de calidade. Por caso, resulta escandaloso observar como a Xunta de Galicia fixo deixamento da súa función de regulación e supervisión das residencias de maiores. Unha actitude que reflicte unha moi elevada discriminación en contra da terceira idade: os actuais gobernantes galegos non deberñian esquecer que esa idade é para moito galegos un dos períodos con peor calidade de vida, con menor benestar e difícil. Tamén para as súas familias.


As múltiples experiencias europeas demostran como o abandono do público e a preferencia polo privado trae aparellado, por caso, unha deterioración na atención ás persoas maiores. Todos os estudos que se fan en Europa, como por caso o altamente fiable Global AgeWatch Index que recolle a situación dos maiores en practicamente todo o continente, poñen en evidencia como o benestar dos anciáns e anciás camiña parello ao esforzo público na súa atención. Así os estados europeos "onde os maiores viven mellor" son os escandinavos (Noruega, Suecia, Dinamarca) que coincide con aqueles nos que a presenza do público é maioritaria. Noutro extremo, dato confirmado polo Observatorio de Saúde Pública da Comisión Europea, os estados europeos onde os maiores teñen un "peor final de vida" son aqueles que menor gasto público dedican a súa atención como, por caso, sucede con España e Galicia.


Un dato final: foi especialmente indignante observar no seu día como á vez que coñeciamos o impacto mortal da pandemia nas residencias privadas de maiores tiñamos que aguantar como as empresas maioritarias do sector, por caso DomusVi, mostraban orgullosas as súas abusivas ganancias anuais.


Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Máis opinión
Opinadores

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE