A corrupción da democracia

Manoel Barbeitos
Economista

Hai uns días e por mor do enésimo caso de corrupción ("Kitchen") a plana maior do Partido Popular (PP) durante os mandatos de J.M. Aznar (1996-2004) e M. Rajoy (2011-2018) tivo que desfilar diante dos xulgados para declarar. Todo parece indicar, polas referencias que existen, que este só será un máis entre un importante número de xuízos que por distintos casos de corrupción (Gurtel, Taula, Arganda, Punica, Lezo, Villarejo...) terá que atender de inmediato o Partido Popular (PP).


O dano moral que este partido (PP), cos seus incontables casos de corrupción, está a causarlle á democracia española é inconmensurable. Un dano moral ao que hai que sumar o dano político. Empecemos por este último.


Desde que temos democracia, España contou con sete presidentes de Goberno (Suarez, Calvo Sotelo, González, Aznar, Zapatero, Rajoy e Sánchez). Destes sete só dous (Aznar e Rajoy) foron citados pola xustiza para responder ante casos de corrupción que afectan o seu partido e que tiveron lugar durante os seus mandatos como presidentes de Goberno: estamos, por tanto, ante un comportamento que se circunscribe a un mesmo partido, o Partido Popular (PP). Uns problemas xudiciais que alcanzan a un incontable número de dirixentes políticos que ocuparon cargos relevantes que van desde vicepresidencias de Goberno ata alcaldías, pasando por ministerios e presidencias de deputacións. Problemas xudiciais que en non poucos casos finalizan en condenas firmes (con acusacións de delitos contra a Facenda Pública por corrupción, branqueo de capitais e fraude fiscal). Problemas xudiciais nos que aparece como claro referente o Partido Popular (PP) quen ademais dos casos xa habidos ten pendentes, como sinalaba, outros moitos. Con estes antecedentes, que se pode esperar do Partido Popular (PP) cando goberna?


Porque con estes antecedentes non se pode negar a evidencia de que estamos diante dunha estratexia colectiva que ten como obxectivo o enriquecemento individual en base ao uso fraudulento de fondos públicos aproveitándose para iso do poder político. Un comportamento delituoso que ademais do tratamento xudicial individual debería esixir, por parte do poder xudicial español, unha responsabilidade colectiva. Velaí que, como apuntaba no seu día o profesor Pérez Royo, apareza como necesaria a intervención da Fiscalía Xeral que debería abrir unha investigación por se, segundo o Código penal español, o PP é unha organización ilícita.


Unhas evidencias que tiran por terra os argumentos, por caso, do Presidente da Xunta de Galicia, señor Núñez Feijóo, de que o PP de Galicia non ten nada que ver cos casos de corrupción que se van destapando. Argumentos que carecen de calquera credibilidade cando os feitos demostran tanto a existencia no seu día dunha contabilidade paralela neste partido (doazóns rexistradas en negro para campañas electorais co propio señor Feijóo á fronte) como de casos individuais de corrupción que apuntan a exdirigentes (por caso, Pablo Crespo que foi secretario de Organización entre os anos 1995 e 2003). Argumentos que se desmoronan porque estamos ante evidencias abafadoras que apuntan a unha responsabilidade política colectiva que afecta a todo o Partido Popular (PP). Poñamos, por caso, que a xustiza ante as evidencias decide finalmente ilegalizar ao Partido Popular, non afectaría esta decisión ao Partido Popular de Galicia?


Se o dano político causado por este partido é moi grande non é menor o dano moral. Este tipo de comportamentos corruptos poden fundir a un país nunha fonda crise moral. Son comportamentos que se producen á vez que se aplican duras políticas de austeridade que castigan especialmente as clases populares e que confirman a distancia entre moitas das elites e a cidadanía. Comportamentos que poñen en evidencia a relación que aquelas manteñen entre cargo público e beneficio privado e que favorecen o auxe dos partidos de extrema dereita como, por caso, sucede en España con VOX. Condutas que fan pensar na corrupción como un problema sistémico do capitalismo actual.


Como ben repite Ignacio Ramonet "ningún dirixente político debe esquecer que a democracia é esencialmente un proxecto ético, baseado na virtude e nun sistema de valores sociais e morais que dan sentido ao exercicio de poder... o Goberno corrómpese pola corrupción e cando hai corrupción a corrompida é a democracia".


Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Máis opinión
Opinadores

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE