Médico especialista de Atención Primaria de Outes. Plataforma SOS Sanidade Pública.
“Así como cen coellos non fan un cabalo, cen presuncións non constitúen unha proba.” Crime e castigo de Fiódor Mijáilovich Dostoyevski: Moscova 1821, San Petersburgo 1881: escritor, contista e ensaista da época zarista
Cando o Sr. Feijóo, co apoio do seu grupo e en contra de todos, reformou a Lei Galega de Saúde (LGdeS) do 8/2008 coa Lei 1/2018, moitos e moitas xa pensabamos que o facía para seguir co desmantelamento do Sistema Sanitario na Galicia e, entre outras cousas, retirar catro áreas sanitarias: O Barco, O Salnés, Monforte e A Mariña, así como impedir a participación cidadá coa NON posta en marcha do Consello de Saúde de Galicia e os Consellos de Saúde de Área. A privatización da sanidade en Galicia seguía a folla de roteiro deseñado desde os tempos en que dirixiu o INSALUD e pasou a ser o maior privatizador no país. Dicía o Sr. Puy Fraga, en sede parlamentaria, para defender o indefendible, que a nova reforma tentará “cubrir lagoas e carencias da lexislación vixente para loitar contra a pandemia”. E moitos nos preguntamos se o Sr. Feijóo leva gobernando 11 anos Galicia, estes defectos débense exclusivamente a el e aos seus gobernos. Ten que deixar de botar as culpas a todo o que se move á súa ao redor e facerse, dunha vez, responsable das deficiencias.
Que quere facer coa nova Lei? Pretender que a sexa obrigatoria”: algo, que á parte de inconstitucional, a propia OMS di “que non se debe obrigar, senón convencer”, algo que a Feijóo non lle fai graza, claro. Os seus gobernos, son moi dados a dicir: “imos facer...” e non a dicir “fixemos”; por que será?
Tentou modificar a Lei de Saúde do estado español: nin caso fixéronlle, por suposto. E, en cambio, volve modificar unha Lei xa modificada, para “sancionar” todo o que el e os seus consideran sancionable, con multas desproporcionadas e totalmente coercitivas. Se o que quería era aplicar unha “Lei de Orde Pública en Galicia”, o mecanismo de reformar a LGdeS non parece o máis apropiado. En 53 páxinas do texto, utiliza a palabra “sanción” 71 veces… A modificación sairá aprobada pola maioría absoluta do PP, pero temos que lembrarlle que pode ser lexítima, pero en ningún caso xustifica o despropósito de modificar a LGdeS só para “sancionar a poboación” que espera dun gobernante soluciones aos seus problemas e desde logo, a xestión da pandemia en Galicia non é un malgaste de boa actuación: 1.500 mortos, a metade nas Residencias de Maiores... e como sempre, dirán: “que noutros lugares do estado están peor”, pero isto non xustifica o que está a pasar no país.
Utiliza a figura de Proposición de Lei presentada polo PP, en lugar de como Goberno da Xunta, para evitar “o informe preceptivo sobre a legalidade, o acerto e a oportunidade” do anteproxecto elaborado. Non parece razoable, nin sensata, a estratexia de cambiar continuamente a LGdeS, para afrontar de maneira específica os problemas de saúde que virán presentando ao longo do tempo. Non establece uns límites temporais na vixencia e aplicación desta “Lei de Excepción”, que parece destinada a perpetuarse no tempo. Pretende utilizar a Alarma Social da pandemia, para socavar os dereitos dos cidadáns… outra vez!
Escribía eu nun artigo o 18/01/2018: “O Sr. Feijóo, dixo no fin de ano de 2018: “O modelo sanitario galego garante a unidade, o benestar e a solidariedade, en momentos dramáticos como lestes”… e non chegara a pandemia! Non é certo o que di, como sempre, e os feitos o desmenten cos actos dos gobernos do PP. Fixemos a manifestación do 4 de febreiro de 2018 en Compostela, coa asistencia de 40.000 persoas, onde lle dixemos ao PP que non queriamos unha nova LGdeS que prexudique aos cidadáns e que si queriamos, e queremos, o desenvolvemento democrático e por consenso da Lei Galega de Saúde do 2008.
Para mellorar a saúde dos galegos e as galegas é necesario reforzar o Sistema Sanitario Público, (e non de boca para fóra), convocar as prazas que fan falta, diminuír as listas de espera e deixar dunha vez por todas de privatizar ao SERGAS. Potenciación da Atención Primaria, xa. O día 21 de xaneiro do 2021 teremos a reunión do Consello Técnico de AP de Galicia. Bo escenario para isto.
De Feijóo depende!
Escribe o teu comentario