Médico especialista de Atención Primaria de Outes. Plataforma SOS Sanidade Pública.
“O verdadeiro heroísmo consiste en trocar os anceios en realidades, as ideas en feitos”. Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, Rianxo 1886 e finado no exilio en Buenos Aires en 1950. Pai do nacionalismo galego.
Unha das características de “algúns” políticos é a de crear eufemismos para definir situacións que prexudican á cidadanía. O PP é especialista nisto e en conseguir “que a xente as crea” ou iso parece polas maiorías absolutas na Galiza. O de ter a case tódolos medios de comunicación do País nas súas mans (cartos) tamén inflúe... Pero algo relevante que fan dende fai 16 anos, é o de dicir que van facer algo (case sempre moi importante) e logo non facer nada (disto último ninguén parece acordarse e o PP menos).
A Lei di que o Servizo de Axuda no Fogar (SAF), sexa asumido pola Xunta e o goberno central na cuestión económica e que a xestión sexa a cargo dos concellos. Actualmente na Galiza, temos 25.000 persoas que o utilizan e a Conselleira de Política Social, fártase de dicir: “...que hai un compromiso firme de incrementar a financiación pois sabemos que é un lastre importante para os concellos”. Cal é a situación? Falta de orzamento para que o SAF chegue a tódalas persoas que o necesitan. Colapso de concellos que non poden facer fronte ós gastos. Imos a...incrementar os recursos? Bla, bla, bla!
Dentro das múltiples tarefas pendentes das administracións, está a de conseguir que “as galegas cobren o mesmo que os galegos”. A realidade é que as traballadoras galegas cobran de media 5.000 e. anuais menos. A administración do PP, cánsase de dicir (sobre todo cando estamos cerca do 8 de marzo) que “isto non se pode consentir e que farán o que está na súa man para resolver a desigualdade. Imos a poñer os medios…”. Que mentira!
Ante as agresións ao persoal sanitario, que está aumentando de forma preocupante, din que “imos a: blindar por lei as medidas ante as agresións”. A “solución” estrela: “colocar un botón do pánico, nos ordenadores”. Si esta é a forma de resolver un problema tan grave, mal imos…
Os gobernantes teñen, entre outros moitos cometidos, o de investir en Servizos Públicos: Sanidade, Educación, Pensións Dignas, Dependencia, etc. Dende o PP sempre din: “imos a investir tal cantidade nos servizos básicos da nosa comunidade”...pero a realidade é que somos a antepenúltima Comunidade Autónoma (detrás de Andalucía e Madrid) en investimentos por habitante (no 2024): 3.456 e. (1.266 e. menos que Nafarroa). A frase de “Imos a…” pode repetirse: o resultado real é o que é!
E Pemex? Cantos barcos serían construídos na Galiza… e que se fixo? Ningún barco e os dirixentes en México foron o cárcere. E mira que se lle sacou proveito en vésperas electorais...pero de “imos a construír…” nada de nada!
No tema das Caixas de Aforro que tiñamos, que se venderon de forma descarada e que privatizaron o aforro de miles de galegos, que se fixo? O PP dixo que non se perderían cartos, pero do “Imos a...” vemos que a realidade é que non temos xa ningunha entidade bancaria galega de referencia.
Feijoo dixit: “imos facer unha Residencia de Maiores, Pública, en cada unha das sete Áreas Sanitarias”. Que se fixo? Cero Residencias. A rendibilidade política si que a gañou pero ata as que realizaron persoas privadas e que doaron a Pública, foron vendidas a entidades privadas e relixiosas. Queda o rédito político e do prometido nin está nin se lle espera!
O tema das autoestradas é unha das maiores hipocresías/estafas do PP. Sendo eles os que fixeron a última prórroga da concesión (o PSOE tamén fixo) pasan de ser “incendiarios a ser os apagalumes e abandeirados da recuperación para o pobo galego…”. Tarde piaches! Nin cunha sentencia firme dun xuíz se consigue. Sabremos algunha vez que lle deben o PP-PSOE a unha entidade estranxeira que sigue sendo a dona e explotadora dos galegos por usar unha vía que está xa amortizada dende fai moitos anos? “Imos a…” e despois nada!
O PP revalorizaba as pensións un 0.25% cada ano...e pensaba que iso era o xusto e así llo referendaron os galegos nas urnas, pero a todas luces esa revalorización é miserable, comparada co IPC. A culpa: as políticas que non frean a subida de forma continuada dos prezos.
Falar non ten cancela. Dicir que “imos a…” tampouco. Que os cidadáns galegos estean de acordo no feito polo PP é responsabilidade de cada persoa, pero á hora de ir votar, temos que pensar nas consecuencias de a quén e para qué políticas, damos o voto!
Escribe o teu comentario