Médico especialista de Atención Primaria de Outes. Plataforma SOS Sanidade Pública.
Atención Primaria ten 7 prazas de Psicoloxía para atender a 2,7 millóns de persoas (interpreto que estes profesionais teñen que ser atendidos posteriormente polos seus colegas…)
"Os pacientes son como os dentes: se non os coidas, vanse un a un, ata que non queda ningún.” Jerry Flanagan, fundador e CEO de JDog Brands.
Desde que comezou o estado das autonomías, Galicia ten transferidas todas as competencias en materia sanitaria. Isto quere dicir que desde o primeiro momento, os sucesivos presidentes da Xunta (Albor, Laxe, Fraga, Touriño, Feijóo e Rueda) puideron ter resolto o problema fundamental da falta de profesionais sanitarios no SERGAS. Por que, durante tantos anos e coas previsións claras de falta de relevo xeracional, non remediaron esta cuestión?
O que acontece en Galicia no eido sanitario é unha estratexia. Por suposto, se se quixese, o problema estaría solucionado, pero prefiren non investir o necesario, deixar que os centros se deterioren, que os/as profesionais se esgoten... e así ter a escusa perfecta para a privatización.
Cada ano invístese máis en sanidade privada: en 2023 foron 246 millóns de euros (€), e nos últimos dez anos, a cifra ascende a 2.170 millóns de euros (€). Pouco nos pasa! Se este diñeiro se dedicase integramente á sanidade pública, teriamos moitas menos dificultades no SERGAS.
Pasaron xa moitos conselleiros de Sanidade nos diferentes gobernos, pero a política é a mesma; quizá moito peor agora pola falta de investimentos que se produce ano tras ano. Poden aumentar os orzamentos, pero nunca son suficientes para resolver os problemas estruturais que padecemos.
O despropósito máis evidente, e que sucede todos os anos, é que o PP non gasta o que está orzamentado: en 2023, o Goberno galego deixou sen executar 1.138 millóns de euros (€) (só nun ano). Ademais, de fondos europeos, deixou sen executar 460 millóns de euros (€), segundo o Consello de Contas, que fala de “falta de eficiencia do goberno galego na xestión dos Fondos Comunitarios”. Que pensamos dos “xestores” desta desfeita? Se traballasen na privada, serían despedidos de forma fulminante!
Pero seguindo cos despropósitos, o Goberno do PP, á parte da débeda que ten que pagar, ten que asumir o gasto en intereses. O Estado ingresou en impostos en Galicia 16.296 millóns de euros (€) e só reintegrou 10.131 millóns de euros (€). A pesar disto, Rueda atrévese a non aceptar a quita de 4.010 millóns de euros (€) só por facerlle caso a Feijóo e non valorar o interese dos galegos. En que mans estamos?
A xente que administra o Sistema Sanitario Público Galego ten múltiples ocorrencias: chatear co noso médico de familia, ou colocar un “botón do pánico” no ordenador para “evitar” as múltiples agresións ao persoal sanitario e non sanitario. Tamén, nas pantallas dos centros, expoñen as maiores falsidades que se lles ocorren, mentres as listas de agarda nos centros de saúde se manteñen en 15, 21 ou ata 30 días (en Vigo) para ser atendido polo médico de cabeceira. E non digamos polos especialistas: esperas de ata ano e medio nalgunha especialidade!
É impresentable que gasten o diñeiro en cousas prescindibles e non ataquen o fondo da cuestión: convocar prazas para seren ocupadas de forma inminente. Si, léchedes ben: ter profesionais que poidan incorporarse mañá a traballar. Isto non se fai nas prazas que son necesarias, pois nalgún departamento do SERGAS (ou do PP) non se convocan. E, por suposto, non se dotan con recursos suficientes para facelas atractivas. Mentres tanto, 130 médicos xubilados seguen traballando no SERGAS. Sucedería isto na empresa privada?
O 18/09/2025, debateuse na Comisión de Sanidade do Parlamento Galego unha iniciativa do BNG (Montse Prado) para dotar a Atención Primaria (AP) de 100 psicólogos/as clínicos/as. Que sucedeu? Que o PP votou en contra! A AP conta con 7 prazas de Psicoloxía para atender 2,7 millóns de persoas (interpreto que a estes profesionais, teñen que atendelos despois os seus colegas...). Vendo a situación da Saúde Mental na actualidade, como explican que non se invistan 5 millóns de euros (€) que se solicitaban, nun eido tan importante? O Ministerio de Facenda indica que “pola bonanza económica, a Xunta recibirá 10.878 millóns de euros (€) en entregas a conta e outros 789 millóns de euros (€) pola liquidación de 2024 a favor de Galicia”. Rueda dixit: “non é un problema de chequeira”.
Se o ben máis prezado que temos, a nosa saúde, está en mans desta xente do PP: mal imos!
Non quero rematar o artigo sen pór de manifesto o rexeitamento pola maioría do PP no Parlamento Galego da Iniciativa Lexislativa Popular: Defende a Galega, na que Tareixa Navaza fixo unha exposición chea de dignidade para pór en evidencia a manipulación dos Medios Públicos en Galicia por parte do PP. Unha pena (sobre todo escoitar a argumentación falta de rigor e de criterio que fixo o PP). Parabéns á xente da Plataforma polo seu labor.
Escribe o teu comentario