"Os do NON"

Xosé María Dios Diz
Médico especialista de Atención Primaria de Outes.

Médico especialista de Atención Primaria de Outes. Plataforma SOS Sanidade Pública.

“Vemos a palla no ollo de alleo

e non vemos a viga no noso” 
Proverbio. Fonte bíblica.

 

No mes de marzo do 2025 o PP de Galicia fixo unha campaña para indicar que o BNG era o "partido do non". Interpretaba que, dicindo falsidades como afai, podía pór en evidencia a un partido que leva a Galicia no seu corazón...e na súa cabeza. Se nos fixamos nos feitos e non nas ocorrencias de quen dirixe un partido en Galicia que leva 16 anos sucesivos gobernando e moitos máis desde a democracia (todos menos 4), vemos que de verdade, o partido do NON é o PP que pensa máis nas grandes multinacionais e en facer de lobista das grandes corporacións, deixando sempre de lado os intereses de galegas e galegos.

 

En abril do 2025 presentáronse no Parlamento Galego varias iniciativas que farían, de ser aprobadas, melloras na Calidade de Vida dos galegos: o PP votou NON a todas elas.

 

O BNG presentou unha moción para, de forma expresa, “facer pública a totalidade das listas de espera do Sistema Público de Saúde, incluíndo as listas non estruturais”. A resposta do PP foi votar NON. Estimábase que máis do 13% da poboación galega está pendente dunha consulta, dunha proba diagnóstica ou dunha intervención cirúrxica. Neste último caso, 48.335 persoas, segundo datos oficiais do SERGAS, están a esperar a ser chamados para operar. A resposta do conselleiro foi que “Galicia ten un Sistema Sanitario que funciona e responde en todas as Áreas Sanitarias”. En que país vive este home que non coñece a Sanidade Real que sufrimos os cidadáns en Galicia?

 

A deputada nacionalista Olalla Rodil presentou no Parlamento a proposta na que se demandaba algo tan desatinado como “que se crease unha rede de servizos residenciais e atención sociosanitaria integral para que persoas con trastornos mentais ou doenzas psiquiátricas e que se atopen nunha situación de emerxencia social fose atendidas nesa rede de apoio ” Que votou o PP? NON.

 

Presentouse no Parlamento, unha iniciativa que demandaba pór en funcionamento de maneira inmediata o “Centro de Coidados Intermedios no concello de Compostela” e, sabedes cal foi o voto do PP? NON.

O Consello de Contas, no seu informe sobre 2023, reitera que na sanidade pública existe unha deficiente dotación orzamentaria, que modifica, á baixa, o diñeiro oficial da Consellaría de Sanidade. Existe unha infraestimación dos gastos de persoal e para medicamentos, que se suplen con “inxeccións adicionais de fondos”, que foron de 480 millóns de euros. Ademais, bótalle en cara que “existe unha temporalidade no tema de persoal que se aproxima ao 50% dos efectivos durante ano”. O PP tamén lle di que NON ao Consello de Contas.

 

Pero é que tamén din NON ao desmantelamento inmediato que se debe facer de Altri, como industria moi contaminante e depredadora en Galicia. A igual que din NON a evitar o uso de aeroxeradores nas rías galegas. Do mesmo xeito que din NON ao saneamento das rías que de forma insistente solicítase no país. E tamén provocaron (Aznar) unha prórroga da AP-9 ilegal, dicíndolle NON á cidadanía galega.

 

O ínclito conselleiro de Sanidade, xa amortizado polas súas declaracións barriobajeras, responde os problemas existentes en Saúde Mental que eles “xa están a elaborar un novo plan de S.M.”...e nós que o vexamos…

N

Miles de persoas saímos a rúa, convocados pola Plataforma SOS Sanidade Pública de Galicia, para demandar “Máis Atención Primaria, Máis Atención Hospitalaria e Máis Sanidade Pública”. E a resposta da administración do PP é reñirlle aos cidadáns que asistimos a ela e que “todo é mentira”. E nós dicímoslles que non se pode enganar a tanta xente, que o PP ten recursos e diñeiro e que o que lles falta é a vontade política de levar a cabo unha verdadeira Atención Primaria, retirando os recortes e aumentando o orzamento até o 25% como indica a OMS: que deixen de dicirlle NON ás persoas da Galicia a ter unha Sanidade do primeiro mundo!

 

Segundo a consellería: “un médico atende unha media de 30 persoas ao día sen contar as urxencias”. Iso indica que existen consultas con 50 ou máis persoas diarias...e a maiores as urxencias. O PP ten que pór as pilas e deixar de dicir sempre NON a conseguir máis Médicos, Enfermeiras, Traballadores Sociais, Psicólogas, etc. para que as consultas non estean colapsadas e póidase facer fronte ao que se precisa cada día, sen abafos para os profesionais e os enfermos...

 

Tamén en abril do 2025, dixeron que as transferencias do litoral a Galicia “era un feito histórico”. Dsde logo histórico é, pois é a PRIMEIRA e ÚNICA transferencia nos últimos 16 anos. Impresentable! PP=NON.

 

 

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Máis opinión
Opinadores

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE