A demagoxia fiscal das dereitas españolas e galegas

Manoel Barbeitos
Economista

Un dos argumentos máis demagóxicos utilizados regularmente polas dereitas españolas e galegas,  entusiásticamente apoiados polos seus medios de referencia, é aquel que afirma que con eles no goberno báixanse os impostos mentres que coas esquerdas sóbense. Digo demagóxicos por que ocultan unha dobre realidade.


En primeiro lugar que a presión fiscal en España xa non é moi alta senón todo o contrario. España está entre os estados da Unión Europea con menor presión fiscal, quen segundo os propios datos de EUROSTAT está practicamente sete (7) puntos por baixo da media na UE. Isto significa que o goberno español deixa de recadar cada ano preto de 75.000 millóns de euros por non ter un sistema fiscal equiparable ao nivel medio europeo.


Unha evidencia que as dereitas políticas e mediáticas ocultan, como que as razóns desta baixa presión fiscal están, por unha banda, no elevadísimo fraude fiscal que segundo estudos da propia Axencia Tributaria Española supón unha perda de recadación equivalente ao 23% (70.000 millóns de euros anuais: 6% PIB, un dos niveis máis altos da Unión Europea) e que procede maiormente (80%) das grandes fortunas (IBEX35) que teñen sociedades en paraísos fiscais.


A outra razón está no tratamento desigual e discriminatorio segundo rendas que se pode comprobar, por caso, na evolución do Imposto de Sociedades cuxa natureza permite que a contribución das sociedades ás arcas públicas resulte inversamente proporcional ao seu tamaño. Ou sexa, que canto máis grandes menos pagan, por paradoxal que poida parecer. E iso débese a que as maiores compañías españolas concentran a maior parte das vantaxes fiscais do imposto: as grandes sociedades só soportan o 10% da carga impositiva que nun 90% recae sobre as sociedades non financeiras, dándose o escandaloso caso de bancos "aos que lles sae a devolver". O mesmo sucede co IRPF (Imposto sobre as Rendas das Persoas Físicas) en relación ás grandes rendas e aos tramos máis altos (0,5% dos declarantes) cuxo tipo marxinal é claramente favorable en relación aos tramos máis baixos. Non por casualidade neste tributo España está á cola da Unión Europea en canto a tipos marxinais máis altos.


Finalmente, que cando as dereitas gobernan en España é certo que rebaixan impostos, pero sempre aqueles que benefician as grandes rendas (Patrimonio, Sucesións e doazóns, IRPF das grandes rendas...) facendo así que se incrementen as diferenzas e as desigualdades no tratamento fiscal. Unha rebaixa que ten unhas consecuencias das que a dereita non fala: se rebaixas a recadación tributaria fas crecer a débeda pública. Unha dinámica que non deixa de ser unha transferencia de rendas desde as clases medias e baixas ás clases altas, neste caso fundamentalmente aos bancos e fondos de investimentos que son os propietarios dos bonos. Transferencia que se amplía a medidas como privatizacións de activos públicos que se xustifican como actuacións necesarias para rebaixalos déficits pero que en realidade son tanto "agasallos" aos amigos ricos como perdas de riqueza publica (activos).


Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Máis opinión
Opinadores

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE