Baronías socialdemócratas e democracia

Manoel Barbeitos
Economista

Estes días pasados asistimos a unha nova mostra dunha vella doenza que afecta á socialdemocracia española (PSOE) practicamente desde que se fundou. Trátase da pertinaz incontinencia duns baróns que tenden sempre a aparecer publicamente nos momentos máis inoportunos, tanto para o seu partido como para o goberno que preside ou comparte. Aparicións que son entusiásticamente recollidas e ampliadas polos medios  referencia das dereitas, sempre a espreita de poder meter o coitelo nas posibles fendas das esquerdas.


Baronías que xunto cun indiscutible afán de protagonismo (morren por saír nos medios de comunicación aínda que sexan os da caverna mediática) mostran unha lamentable falta de respecto a democracia interna do seu partido.  Porque se repasamos a listaxe de os  máis locuaces nestes últimos tempos (Vara, Diaz,  Page,  Lambán,...) veremos que son os mesmos que no último congreso federal do PSOE (xuño 2017) presentaron unha candidatura alternativa (liderada por Susana Díaz) que foi claramente derrotada pola que encabezaba Pedro Sánchez (50,3% dos votos fronte a 40%). Unha derrota que parece seguen sen aceptar: a moitos políticos pásalles como aos malos viños, envellecen mal.


Non aceptaron a derrota como tampouco aceptarían a posterior moción de censura que levou a Pedro Sánchez á Moncloa (2018). Algo que deixou moi claro recentemente o sempre locuaz Alfonso Guerra quen, ademais de considerar como "despreciable" aceptar o apoio de  Bildu aos orzamentos, sinalou que a moción de censura triunfara por mor dun "erro gravísimo de Mariano Rajoy" que, segundo A. G., debería dimitir e dar paso a que outro/a membro/a de o seu partido fose presidente e así "España evitouse moitos desgustos". Parece evidente que Alfonso Guerra preferiría un goberno do Partido Popular (PP) antes que o actual goberno das esquerdas (PSOE/PP). Agradécese tanta sinceridade.


Se antes resultaba lexítimo preferir outro goberno ao actual, igualmente segue sendo lexítimo agora defender que este goberno (PSOE/UP) busque aliados prioritariamente a súa dereita (Cidadáns) para, por caso, aprobar os orzamentos. Pero, mal que lles a pesar destes baróns, igual de lexítimo ou seguramente mais é o defender que este goberno siga camiñando da man da maioría (PSOE, UP, PNV, Máis País, Compromis, NC, Teruel existe e BNG) que posibilitou tanto a moción de censura como o goberno de coalición. Por tales razóns sería desexable que os partidarios da primeira opción, por caso estes baróns, deixasen moi claro cales son tanto as alianzas que propugnan (hai que saber que para a aprobación dos Orzamentos tanto no Congreso como no Senado requírense unhas maiorías que por si soas PSOE e Cs non suman) como as políticas alternativas que defenden e, por tanto, as evidentes renuncias que estas implican en relación, por caso, ao programa presentado no seu día no Parlamento español polo entón candidato a presidencia, Pedro Sánchez, e que lle deu a maioría de votos suficiente para gobernar.


Programa que incluía importantes promesas e compromisos relativos á xustiza social, o emprego, a loita contra a pobreza, a cohesión social e territorial, o cambio climático... Compromisos como, por caso, os que se derivan dun expreso recoñecemento da realidade plurinacional que é España e que aparece claramente reflectida na actual composición dun Parlamento español hoxe moi afastado do bipartidismo. Escenario parlamentario que debe forzosamente ser tida en conta a hora das alianzas e, por caso, na redacción dos orzamentos públicos.


Un escenario político que os baróns socialistas, nostálxicos do bipartidismo e a alternancia (PSOE, PP), cos seus comportamentos parecen querer que se ignore. Comportamentos que non os deixan en moi bo lugar como tampouco a súa preferencia por unhas prácticas políticas que teñen máis de conspirativas que de democráticas.


Comportamentos e prácticas que, por outra banda, teñen lugar cando as dereitas están a tirar de toda a súa artillería (coroa, poder xudicial, Igrexa, banca e grandes empresas, medios de comunicación...) para evitar que o goberno actual saque adiante as súas medidas máis progresistas (orzamentos, pensións, ensino público, relacións laborais, desafiuzamentos, liberdades democráticas...). Unhas dereitas que, sen buscalo (?), atópanse coa impagable axuda duns baróns cerrilmente empeñados en cargarse a Pedro Sánchez como sexa. 


Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Máis opinión
Opinadores

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE