Corrupción partidaria e xustiza partidista: dous grandes déficits da democracia española

Manoel Barbeitos
Economista

No curto espazo de dúas semanas producíronse en España unha serie de acontecementos relacionados coa corrupción partidaria e a actuación partidista da xustiza que xustifican sobradamente que se cualifique a democracia española como unha democracia deficitaria.


En relación coa corrupción partidaria os medios de comunicación independentes -maioría nos dixitais- informábannos do enésimo caso de corrupción do Partido Popular (Kitchen) que volvía confirmar como este partido e os seus dirixentes aliméntanse da corrupción. Diante deste novo escándalo uno non pode por menos de preguntarse por que a xustiza española non actúa como, por caso, fixo a valente xustiza italiana no chamado caso tangentopoli  (1992), cando deixou ao descuberto como os partidos que levaban gobernando Italia practicamente desde a II Guerra Mundial alimentábanse dunha enorme e estendida corrupción. Lembremos que foi un proceso xudicial (Mani pulite), que contou cun gran apoio tanto popular como dunha maioría dos medios de comunicación, quen sacou á luz unha enorme rede de corrupción na que se movían os máis destacados dirixentes políticos italianos. Chegará a xustiza española algún día para seguir o camiño daqueles valentes xuíces italianos?


Por esas mesmas datas tivemos coñecemento de que unha das maiores estafas bancarias coñecidas na democracia española, protagonizada por unha entidade relevante (Bankia), que pasou a ser unha operación legal grazas a Audiencia Nacional. Esta absolvía aos autores por consideralos inocentes dos delitos de estafa e de falsidade contable. Despois de tal decisión, que poden pensar da xustiza española non só os accionistas e pequenos aforradores estafados senón tamén moitos cidadáns? Porque como ben sinala un destacado xornalista madrileño (José Maldonado), con esta decisión "a Audiencia Nacional exonera a toda unha época que marcou a España como país, a época do ladrillo desmedido, da burbulla, da especulación ilimitada e dos excesos dunha banca que finalizou sendo rescatada con 60.000 millóns de euros de diñeiro público".


Seguramente foi casualidade pero o mesmo día en que a Audiencia Nacional anunciaba a decisión citada anteriormente o Tribunal Supremo, por medio da Sala Penal, confirmaba por unanimidade a condena a un ano e medio de inhabilitación ao presidente da Generalitat, o señor Quim Torra, nada menos que polo delito de  sedición. Como uno non é experto en asuntos xudiciais acode á opinión dun destacado xurista como o profesor Pérez Royo. A primeira explicación que recollemos é a de que "o sistema de poder da Constitución do 78" por caso, o poder xudicial "vén do réxime do xeneral Franco". Velaí que o caso Torra estea claramente condicionado polo feito de que o poder xudicial español non se corresponda, ao día de hoxe, co dun estado plenamente democrático. Porque "unha cousa é desobedecer e outra distinta cometer un delito de desobediencia. Non cabe dúbidas de que o presidente da Generalitat,  Joaquim Torra, desobedeceu á Xunta Electoral Central. Pero tampouco cabe dúbida de que non cometeu o delito de desobediencia tipificado no artigo 50.1 do Código penal". Lembremos que "a desobediencia" do señor Torra foi coa Xunta Electoral Central, un órgano administrativo non xurisdicional, polo que neste caso non pode haber delito de desobediencia ao non haber intermediación dun órgano xudicial e cando ademais non hai unha relación administrativa xerárquica entre a Xunta Electoral Central e Presidencia da Generalitat. Non cabe, por tanto, tal sentenza do Tribunal Supremo pois é nula de pleno dereito.


Todo isto sucede nos mesmos días en que se producen unha serie de "movidas xudiciais" (nomeamentos no Consello do Poder Xudicial) que adoptan formas que a un axúdanlle a entender mellor as razóns de fondo que moven determinadas condutas dunha parte moi relevante da cúpula xudicial española como sucede nos casos anteriormente citados. Condutas que se corresponden ás dunha xustiza partidista.


Non por casualidade, senón por feitos como os citados, España está á cola europea na independencia xudicial segundo o Consello de Europa.

.


Sen comentarios

Escribe o teu comentario




Non está permitido verter comentarios contrarios á lei. Nos reservamos o dereito a eliminar os comentarios que consideremos fora de tema.

Máis opinión
Opinadores

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal Cookies Consello editorial Publicidade
Powered by Bigpress