As novas responsabilidades do Bloque Nacionalista Galego

Manoel Barbeitos
Economista

As últimas eleccións autonómicas colocaron ao Bloque Nacionalista Galego (BNG) de líder da oposición en Galicia por segunda vez na historia da autonomía. Con todo as condicións en que se produce agora son diferentes á vez anterior. Aínda que se repite a maioría absoluta por parte do Partido Popular (PP) a conxuntura social marcada tanto por unha pandemia como por unha gran recesión (poida que a máis grande desde a II Guerra Mundial) esixe tanto do goberno galego como da oposición unha altura de miras seguramente como nunca antes. Unha altura de miras que no caso do BNG supón tamén novas e grandes responsabilidades.


Por unha banda o Bloque Nacionalista Galego (BNG) ten que demostrar a súa capacidade tanto para liderar a oposición en Galicia como para conformar unha alternativa plural ao poder das dereitas galegas que monopoliza o Partido Popular (PP).  Isto esixe ter como un dos obxectivos prioritarios ampliar a base social, para o que é preciso achegarse ás maiorías sociais e convencelas de que as propostas propias coinciden coas necesidades do país. Non se trata só de "abrir as portas e xanelas" senón de ir ao encontro das maiorías sociais da sociedade galega. Unha estratexia que require de gran xenerosidade e tamén de gran pluralismo. Velaí una das grandes responsabilidades do actual Bloque Nacionalista Galego (BNG): superar o muro frontista e abrir as grandes alamedas.


A  gravísima situación social que atravesa Galicia, como o conxunto de España e unha gran parte de Occidente, demanda da clase política a procura dos máis grandes e amplos  consensos. Aínda que, dada a actual correlación de forzas, a primeira responsabilidade corresponde ao Partido Popular (PP), o BNG ten a oportunidade de aproveitar a súa condición de líder da oposición para desde tal posición traballar por eses consensos que han de estenderse a nivel social, económico e político. A situación de emerxencia sanitaria e recesión económica así o esixen.


Consenso, entre todos os axentes políticos e sociais con peso en Galicia, ao redor da necesidade de crear un escudo social que sirva tanto para facer fronte á pandemia como para diminuír o impacto da mesma. Consenso tanto para estender as axudas públicas a todas as familias e empresas non financeiras de Galicia, duramente castigadas polo coronavirus, canto poñer en marcha un plan de emerxencia económica destinado a recuperala actividade e o emprego anteriores a pandemia. Finalmente, un consenso que parte do convencemento de que as forzas políticas galegas han de actuar de maneira coordinada e consensuada nos temas máis urxentes e prioritarios.


Consensos que o BNG, na responsabilidade que lle foi concedida pola cidadanía galega, debe levar ao Parlamento español, o que supón un certo cambio intelixente de estratexia. Dada a composición actual da cámara estatal, o Bloque Nacionalista Galego pode utilizar a súa presenza máis para "participar na gobernanza" que para exercer como oposición. Debe deixar de mirar polo retrovisor que fan determinadas forzas soberanistas (cataláns e vascas) e manter unha estratexia propia que, para entendernos, estea máis próxima á do PNV que á de Bildu ou Esquerra Republicana cuxos intereses nada teñen que ver cos do soberanismo galego.


O BNG debería empeñar o seu nada despreciable forza política e social na procura destes consensos. Non o ten nada fácil nin fácil a actual dirección que lidera, magníficamente, Ana Pontón, xa que esta estratexia supón superar vellos dogmas populistas e sectarios. A difícil e moi dura conxuntura actual, moi especialmente para as clases populares, e a súa condición de líder da oposición que aspira a gobernar nun futuro inmediato esixen adecualas estratexias as novas realidades. O BNG non debería perder esta oportunidade, por eles mesmos como organización política e, sobre todo, polo país galego.


Son tempos de consensos, non de cavar trincheiras. De política, non de dogmas.


Sen comentarios

Escribe o teu comentario




Non está permitido verter comentarios contrarios á lei. Nos reservamos o dereito a eliminar os comentarios que consideremos fora de tema.

Máis opinión
Opinadores

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal Cookies Consello editorial Publicidade
Powered by Bigpress