O debate televisivo deste pasado luns, 29 de xuño, cando apenas faltan dúas semanas para a celebración das eleccións autonómica (12 de xullo) tivo lugar nun escenario social marcado aínda polo impacto da pandemia na produción e a comercialización. Impacto que, entre outros efectos, reflicte tanto uns niveis de desemprego dos máis elevados da historia da democracia en Galicia como unha descoñecida parálise da actividade privada (autónomos e autónomas, pequenas e medianas empresas, comercio polo miúdo). Unha situación que, neste momento, non presenta unha saída clara. Por caso, cuantos/as dos/as afectados/as por esa parálise volverán recuperar a normalidade? Velaí que resulte lóxico pensar que unha parte destes afectados seguramente seguiron con certo interese e expectación o debate para coñecer directamente que lle propoñen os distintos partidos presentes como alternativa á súa difícil situación. Que esperanza lle ofrecen.
Pero para poder avaliar ese impacto tanto entre os galegos e os afectados polo coronavirus como no resto dos cidadáns sería necesario, por caso, coñecer o nivel real de audiencia. Si temos en conta que segundo datos da propia CRTVG os niveis máximos de audiencia están nunha cota de pantalla do 10,5% concluiremos que o impacto social non será moi relevante por moita autopropaganda que faga a CRTVG. Por se esta debilidade das audiencias non fose suficiente para cuestionar a súa influencia no voto final o escenario escollido para o debate non resultou, nin moito menos, o máis idóneo para que os distintos actores políticos puidesen lucir mellor as súas capacidades políticas. Seguro que hai coincidencia entre os que vimos o debate que tanto o citado escenario como o formato escollido non facilitaron, nin moito menos, un debate fluído e esclarecedor. Unha ausencia á que colaboraron, con empeño digno de mellor causa, os/as xornalistas escollidos/as para moderar/dirixir o debate que nos deron todo un curso de mal e pobre xornalismo.
Por se estas limitacións non fose suficientes as distintas intervencións dos diferentes representantes partidarios deixaron de novo en evidencia un dato que pode ser definitivo: as esquerdas perden unha oportunidade tras outra de cando menos poñer en corentena a anunciada vitoria das dereitas. Fronte a un Alberto Núñez Feijóo que puxo claramente en evidencia as súas limitacións como líder político democrático, a súa auténtica incapacidade para debater nun marco plural e fóra da cobertura que, por caso, regálanlle tanto a súa maioría parlamentaria como o seu control absolutista da CRTVG, as esquerdas non foron quen de aproveitar a fondo esta conxuntura favorable para aparecer como unha clara e consistente alternativa de goberno plural.
En primeiro lugar porque fronte o anodinismo de Feijñoo non se fixo visible un liderado indiscutible nas esquerdas con capacidade para convencer aos cidadáns galegos de ser quen de conducir con firmeza e personalidade ao bloque das esquerdas. A batalla, moi visible, por gañarse este papel entre Caballero e Pontón, aínda que se inclinou claramente a favor da brillante candidata do BNG, non axudou a resolver a incógnita. Non o resolveu por unha razón moi simple: O BNG non está, neste momento, e por razóns que darían para outro artigo, en condicións de gañar esta particular partida. Digamos que o BNG non convence suficientemente como líder dunha maioría social das esquerdas galegas.
Ademais, aínda que os partidos das esquerdas manifestaron repetidamente a súa clara vontade de chegar entre eles a un acordo de goberno non foron quen, o marco tampouco o favorecía, de concretar minimamente cales serían esas bases mínimas de acordo tanto programáticas como políticas. Concreción necesaria dado que as diferenzas si están claras como eles mesmos encárganse de remarcar con insistencia. Concreción imprescindible dada, por caso, á dificilísima situación que están a atravesar centenares de miles de familias galegas quen, con xustiza, precisan dos partidos políticos galegos que aspiran a gobernar solucións para as súas gravísimos problemas.
Por estas razóns uno pensa que o “tan esperado” (?) debate televisivo entre os líderes dos principais partidos que se presentan ás eleccións autonómicas do 12 de xullo non vai influír decisivamente nos resultados electorais. Poida que axude a mover un pouco os marcos pero sen cambios relevantes. Algo que non deixa de ser un mal presaxio para as esquerdas se temos en conta os resultados que anuncian a práctica totalidade das enquisas.
Escribe o teu comentario