Vésperas electorais

Manoel Barbeitos
Economista

Son tempos anómalos para a celebración dunhas eleccións democráticas. Se non hai mudanzas moi relevantes as eleccións autonómicas do 12 de xullo virán a carón dun prolongado estado de alarma (tres meses) que sen dúbidas afectará aos espíritos e tamén aos estados de ánimo dos/as galegos. Non sería nada estraño que impacte na participación electoral xa que todo apunta a que será unha das mais baixas na historia da autonomía. Unha historia que nos mostra como unha baixa participación nas eleccións autonómicas favoreceu sempre, agás contadas excepcións como no ano 2009, as forzas conservadoras (PP)


Unhas eleccións que si ben se celebrarán rematado o estado de alarma non resulta doado, ao día de hoxe, vaticinar como será a situación real no país galego tanto a nivel sanitario como moi especialmente a nivel psicolóxico. Sobre isto hai opinións para tódolos gustos, dende aquelas que aseguran que nada será igual que antes as que afirman, co argumento de que a memoria é moi fráxil, todo o contrario. Un estado de ánimo que, nembargante, influirá no resultado final. Un tende e pensar que, aceptada unha situación de fraxilidade emocional, serán menos probables os cambios electorais que é o mesmo que pensar que o Partido Popular (con A. N. Feijoo de novo candidato) repetirá a maioría absoluta.


Unhas eleccións que seguramente terán lugar no marco de un panorama sociolaboral desolador. A pesares das numerosas e importantes medidas de axuda aprobadas polo goberno español das esquerdas (PSOE/UP) non resulta aventurado vaticinar que o índice de desemprego estará en niveis elevadísimos, que centos de miles de familias se atopen nunha situación de emerxencia social, que moitos negocios (autónomos, pemes, comercio polo miúdo) non serán quen de recuperarse e seguirán pechados, etc. Como se canalizará o lóxico descontento de todos estes colectivos?. Difícil facer un vaticinio.


Nuñez Feijoo, cunha estratexia moi intelixente de distanciamento e desmarque con relación a Pablo Casado e o seu partido (PP), utilizando a fondo tanto o control absolutista dos medios públicos (Compañía da Radiotelevisión Pública de Galicia) como de practicamente a totalidade dos medios en papel, conseguiu aparecer como un líder indiscutible


Un escenario político no que A. Nuñez Feijoo, cunha estratexia moi intelixente de distanciamento e desmarque con relación a Pablo Casado e o seu partido (PP), utilizando a fondo tanto o control absolutista dos medios públicos (Compañía da Radiotelevisión Pública de Galicia) como de practicamente a totalidade dos medios en papel, conseguiu aparecer como un líder indiscutible, como un cesar galego. Non coñezo enquisas ao respecto pero con toda seguridade que a valoración de A.N.F. entre unha maioría de cidadáns galegos está, hoxe por hoxe, moi por enriba da dos líderes da oposición.


Un vaticinio que será moi difícil que se mude por mor da campaña electoral. Unha campaña, con toda seguridade, lastrada pola emerxencia sanitaria , sen grandes e moito menos multitudinarios actos, con medidas especiais de precaución por mor de evitar riscos e contaxios. Unha campaña na que o dixital será moi relevante. De ser así e si un toma como referencia o sucedido nas redes neste período de corentena, deus nos colla confesados!. Os debates electorais, de producirse, non provocaran importantes cambios na preferencia dos electores. Por outra parte, a experiencia neste tipo de contendas políticas nos leva a pensar que A. Nuñez Feijoo sairá vitorioso ou, cando menos, non derrotado.


Non cabe dúbidas de que a pandemia e a corentena obrigatoria viñeron a favorecer os intereses electorais das dereitas galegas. Unha última, pero moi importante, evidencia é a de que se nas vésperas da pandemia había unha crecente efervescencia social con cada vez mais e maiores protestas sociais fronte as políticas da Xunta de Galicia (traballadores da industria e dos servizos públicos, gandeiros, mulleres,) o virus paralizou a contestación deixando no seu sitio un páramo reivindicativo. Volverán as protestas sociais a agromar?. Difícil cando na mente de moitos está moi presente o risco dun nove rebrote no outono.


Son moitas as incógnitas pero non cabe dúbidas de que, hoxe por hoxe, en Galicia os ventos non pareceran seren os dun cambio político.


Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Máis opinión
Opinadores

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE