Non me conformo

Manoel Barbeitos
Economista

Cando no horizonte político español aparece a posibilidade real de deixar atrás o bipartidismo  borbónico e de que se forme un goberno de esquerdas (PSOE/ UP) que, co apoio de relevantes forzas periféricas nacionalistas (PNV, ERC), inicie unha fase política máis favorable para os pobos de España e as súas clases populares.


Cando as dereitas españolas, co apoio das elites mediáticas afíns que son maioría en España, lánzanse a unha brutal ofensiva contra esta alianza sen importarlles poñer en grave risco a xa deficitaria democracia española.


Cando relevantes institucións do estado español (as chamadas cloacas, unha parte moi significativa e influente do aparello xudicial, destacados membros do exército) actúan tamén, e sen disimulo, contra esa alianza.


Cando o franquismo parece resucitar cunha forza imprevista, pero moi perigosa, tal que parece quen de condicionar a dinámica política española e poñer en risco á propia democracia.


Cando estamos ás portas dunha nova crise económica que fará cambalear todo o sistema provocando unha nova recesión con efectos negativos sobre o emprego e o benestar social tendo as clases populares e as comunidades periféricas como principais damnificadas.


Cando o estado borbónico está nunha profunda crise tanto pola corrupción que asolaga a xefatura do estado como pola súa incapacidade, e falta de vontade, para superar o sistémico centralismo e adaptarse ás xustas e lexítimas demandas das comunidades históricas a favor dun maior peso das mesmas na política estatal.


Cando é precisa, quizais máis que nunca, a unidade das forzas progresistas para poder afrontar con decisión e valentía os enormes retos que, hoxe en día, teñen España e os seus pobos.


Cando todo isto sucede, Galicia está unha vez máis ausente na política española. Galicia non ten unha representación política propia tal que sexa quen de facerse oír na actual dinámica política como, por caso, sucede con Cataluña e o País Vasco.


Cando no horizonte político galego aparece como moi probable que a era Feijóo chegue por fin ao seu final. Cando parece posible que os galegos deixemos atrás esta última longa noite de pedra.


Cando as desigualdades sociais e os desequilibrios territoriais creceron como nunca antes na democracia por mor das políticas neoliberais aplicadas en Galicia, como en España, sendo esta comunidade unha na que, por caso, maiores son as diferenzas entre as rendas de capital e do traballo.


Cando Galicia na escala do emprego, o benestar social e a calidade de vida está a cola das rexións europeas occidentais.


Cando Galicia enfróntase a unha serie de emerxencias que afectan a súa soberanía, o medio ambiente, o benestar social e a igualdade de xénero.


Cando a nosa lingua e a nosa cultura veñen sendo atacadas e desprezadas polas autoridades galegas como nunca o ían desde que estamos en democracia.


Cando nas esferas mediáticas galegas de maior difusión son maioría abafadora os medios que promoven a ideoloxía neoliberal e que manipulan e terxiversan a realidade sinalando que non hai alternativa ao PP de Galicia, á vez que manifestan unha enorme hostilidade ata as forzas galeguistas e un incalificable desprezo ao noso idioma.


Cando todo isto sucede Galicia non parece quen de tomar politicamente a dirección do seu destino por mor de que as forzas galeguistas seguen divididas e enfrontadas. Mirando cada quen polo seu huertito parece evidente que o seu devir será o desempeñar un papel secundario no inmediato futuro político.


Por todas estas razóns NON ME CONFORMO con este destino. Non acepto que a cegueira e a falta de visión política das forzas galeguistas impídalles cando menos comparar  amistosamente os seus proxectos para ver cales son as coincidencias e cales as diverxencias.


NON ME CONFORMO porque penso que si de verdade confrontásense publicamente veriamos que son moitas máis as coincidencias que as diverxencias. Que son razóns de egos, de inquinas persoais, de falta de perspectiva política as que novamente van impedir unha alianza electoral das forzas galeguistas.


NON ME CONFORMO porque aínda confío en que, máis temperán que tarde, a cidadanía de Galicia sexa quen de impedir que as forzas galeguistas volvan repetir erros anteriores.


NON ME CONFORMO porque penso que, moi probablemente, esa alianza das forzas galeguistas sexa hoxe máis necesaria que nunca si temos en conta os retos que se aveciñan.


1 Comentarios

1

Como conformar-se se um estudo nos diz que o PP vai precisar do apoio de VOX para a maioria absoluta, outra legislatura com o Feijoo, mimadrinha! eu renuncio. Que alguma dessas forças que diz galegas BNG, En Marea, En Comum,...me expliquem qual vai ser o voto útil, se vai continuar Feijoo desta volta com VOX?

escrito por Carlos GV 02/Xan/20    16:25 h.

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Máis opinión
Opinadores

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE