O manto de Penélope

Manoel Barbeitos
Economista

En un artigo anterior sinalaba como o resultado das eleccións do 10N puxera en evidencia que aquelas non eran necesarias. Debo agora, con todo, facer algunhas matizacións oportunas despois de analizar polo miúdo os resultados.


Finalmente as eleccións do 10N si foron necesarias para que Pedro Sánchez (PSOE) e Pablo Iglesias (UP) por fin atendan ao que era un mandato maioritario dos seus votantes: traballar arreo pola construción dun goberno de esquerdas nucleado ao redor de alianza PSOE-UP e que conte con apoio parlamentario suficiente.


Mandato que agora, logo das eleccións do 10N, será moito máis difícil de cumprir. O novo escenario parlamentario vén dificultar máis a consecución de tal obxectivo. Dificultades ás que hai que engadir a confirmación dun feito preocupante, que xa sinalara no artigo anteriormente citado, como é a confirmación do baixo perfil político dos actuais dirixentes da esquerda española (PSOE, UP). Como senón explicar que en menos de 24 horas, e logo das continuas reviravoltas, descualificacións mutuas, declaracións contraditorias, estes dirixentes, sen consultar nin sequera aos seus compañeiros de dirección, acorden formar un goberno de coalición sen especificar nin programa nin apoios parlamentarios? Por caso, agora Pedro Sánchez “xa pode durmir tranquilo” tendo de socio a  UP? E Pablo Iglesias, “xa se fía de Pedro Sánchez”?


Estas evidencias fan tremer polo futuro do goberno de coalición. Un goberno que, de consumarse, precisaría de políticos con altura de miras e capacidade política demostrada o que, desgraciadamente, non é o caso. Moito mais si temos en conta que os problemas que ten España e os seus pobos –vivimos a maior crise social da democracia- esixen de grandes e profundas reformas que revertan as políticas neoliberais e empoderen as clases populares. Reformas máis necesarias e urxentes porque, como xa sinalamos nalgúns medios, estamos ás portas dunha nova crise, unha crise que pode ser terminal para o neoliberalismo capitalista. Conxuntura que, por tanto, precisaría de dirixentes políticos de nivel, non de políticos que, como Penélope facía co seu manto, o que constrúen polo día  desfano pola noite.


Por si isto non fose suficiente as novas eleccións xerais trouxeron cambios, dos que apenas se fala, pero que serán decisivos. Por caso a nova composición do Senado unha cámara cuxas decisións serán imprescindibles (Arts. 90, 149, 167 e 168 da Constitución Española) para os cambios e reformas que precisa España algúns dos cales afectan a propia Constitución Española. Cambios que si antes das eleccións do 10N, con maioría socialdemócrata no Senado, eran posible, agora coa nova composición do mesmo serán  moito, pero moito máis difíciles de levar adiante por mor das alianzas obrigadas.


Finalmente está o conseguir esa maioría parlamentaria necesaria (Art. 99.3 da Constitución Española: maioría absoluta na 1ª votación,  maioría simple na 2ª votación) que agora está máis difícil. Non soamente pola maior pluralidade parlamentaria –cal vai ser o argumento político que aglutine unha maioría tan plural?- senón polos feitos ocorridos entre ambos en dúas convocatorias electorais. O xuízo aos dirixentes políticos independentistas, que tivo lugar entre as dúas convocatorias electorais –outra torpeza de Pedro Sánchez- e a durísima sentenza do Tribunal Supremo fan máis difícil a incorporación a maioría parlamentario dos partidos nacionalistas PNV e ERC, especialmente deste último. Será necesaria moita altura de miras, moita “finezza” política e tamén, por caso, que o PSOE recupere a súa alma histórica, aquela que defendía a estrutura federal de España. Non menos necesario será que ERC entenda que o actual escenario político é moito máis favorable para as súas aspiracións que o que, con toda seguridade, daríase logo dunhas novas eleccións xerais. Os partidos nacionalistas periféricos deberían entender que, posiblemente, esteamos ante a crise terminal do bipartidismo dinástico español, o que esixe deles un paso adiante no Goberno de España. E isto significa entenderse co PSOE e UP.


Seguirá  Penélope cosendo e descosiendo o seu manto para desesperación non só da maioría do que votan a PSOE e UP senón para todos os votantes de esquerdas? Que  Penélope non siga esperando a Odiseo porque desta vez non virá.


Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Máis opinión
Opinadores

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE