Feijóo non vai necesitar facer campaña

Manoel Barbeitos
Economista

Aínda que de manterse o calendario oficial, algo nada seguro, as eleccións autonómicas non se celebrarán ata dentro dun ano (setembro 2020) caben poucas dúbidas de que de seguir así as cousas A. Núñez Feijoo e o seu partido (PP) non precisarán de facer campaña electoral xa que outros (PSOE e  UP) fana por e a favor deles. O que, ata fai ben pouco, parecía ser un vento de cola favorable ao PSOE e, por tanto, a un goberno de esquerdas en Galicia, está a converterse, por mor de o  trilerismo e a falta de principios dos dirixentes do PSOE e a incompetencia e o infantilismo dos correspondentes de UP, nunha nova oportunidade para as dereitas en España e, por tanto, en Galicia. Unha oportunidade tan favorable que resulta difícil pensar que non a van a aproveitar.


Velaí por caso o que está a pasar coa reclamación sobre o pago das transferencias correspondentes á actualización das entregas do sistema de financiamento autonómico, correspondentes aos “obxectivos de estabilización orzamentario 2020”, e que aparecen incluídas nos orzamentos de 2019. Unha reclamación na que, por certo, a Ministra de Facenda, a señora Montero, ten toda a razón. Sen ter uns orzamentos aprobados calquera distribución anticipada de fondos será, senón ilegal, si irregular: en base a que cantidades orzamentarias fixaranse esas transferencias? Por outra banda, que sorpresa ver agora aos dirixentes rexionais do PP, como no caso de A. Núñez Feijoo, tan reivindicativos diante do goberno central (PSOE) cando nas dúas lexislaturas anteriores, nas que gobernou o Partido Popular (PP), mantiveron a boca ben pechada a pesar de darse o mesmo problema.  Con todo, o comportamento  tramposo do señor Sánchez está a deixar á moi competente señora Montero nunha situación política, que non técnica, moi difícil. Como convencer á cidadanía de que a non transferencia dos fondos reclamados é o que corresponde legalmente a situación de non ter uns orzamentos aprobados? Unha cidadanía que, por outra banda, observa atónita como a responsabilidade de non ter uns orzamentos aprobados, ou cando menos, deseñados, é maiormente do propio PSOE.


Feitos como este poñen en evidencia que a favor dos intereses de A. Núñez Feijoo e o seu partido (PP) xoga a parálise política, auténtico fóra de xogo, en que por culpa dos comportamentos de Pedro Sánchez e Pablo Iglesias atópanse os seus partidos en Galicia: PSOE e  UP. Parecía evidente que un goberno de esquerdas en España (PSOE/ UP) favorecería o cambio político en Galicia onde o desprazamento das dereitas da Xunta de Galicia precisará, sen dúbidas,  dun acordo entre todas as esquerdas (PSOE,  UP, BNG e EN MAREA).  Un acordo que, neste momento e visto o barullo madrileño, aparece moi difícil e pouco crible dadas a gran dependencia e o total aliñamento que tanto PSOE como UP en Galicia mostran con relación as respectivas direccións centrais en Madrid. Non digamos se finalmente volvemos a unhas novas eleccións xerais que non serían máis que o recoñecemento dun gran fracaso debido a unha falta de entendemento entre PSOE e  UP: “se non se entenden en Madrid, como se van a entender aquí”?


Falta de entendemento (PSOE/ UP) que, con toda seguridade e dados os antecedentes, acentuouse cando, por caso, o Tribunal do 1-Ou dite sentenza sobre o process: unha sentenza que, dada a natureza do sistema xudicial español, prevese moi dura para os políticos independentistas cataláns. O mesmo cabe esperar cando se traten temas relacionados co financiamento autonómico e/ou a democratización e descentralización do estado español. E se á esas discrepancias sumámoslle o eterno labirinto  cainita no que se move o mundo soberanista galego (BNG e EN MAREA) e, en xeral, toda a esquerda  antisistémica galega (UP, BNG, EN MAREA) o panorama deixa poucas esperanzas dun cambio.


Si, aínda que as eleccións autonómicas poida que tarden en celebrarse resulta evidente que A. Núñez Feijoo seguramente non precise facer campaña, porque xa terá quen lla faga.


Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Máis opinión
Opinadores

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE