O canto do cisne de En Marea

Manoel Barbeitos
Economista

A estas alturas, resulta pertinente afirmar que os resultados electorais dos anos 2015, 2016 (eleccións municipais, autonómicas e xerais) propiciaron unha euforia excesiva nas forzas emerxentes quen chegaron a dar por sentado que se consolidaba o cambio de réxime. Que, no caso de Galicia, so cabía navegar por un mar de soberanismo e creba do bipartidismo. Uns resultados electorais que, por caso, levaron a moitos dirixentes e cadros de EN MAREA a pensar que o soberanismo era hexemónico nun sentido moi semellante ao que ocorría en Cataluña e no Pais Vasco. Poucos entenderon que eses resultados eran produto tanto dunha crise do réxime bipartito como dunha indiscutible indignación coa partitocracia e a corrupción que impulsaron unha crecente desigualdade social e territorial. Eran mais produto dun rexeite ao vello que dunha adhesión ao novo que, en calquera caso, se vía como algo aínda moi difuso e inconcreto.


Esta circunstancia debuxaba un novo mapa electoral pero nunha situación de clara provisionalidade. Que se mantivera e consolidara dependía tanto de que as forzas emerxentes foran quen de xestionar ben esa indignación como de que as forzas tradicionais non o foran de modificar, sequera parcialmente, os seus liderados e os seus planteamientos.


Entre as forzas emerxentes EN MAREA nunca foi quen de consolidarse de acordo aos seus principios orgánicos e políticos. Por unha razón moi simple: os partidos que nela se integraron (A NOVA, ESQUERDA UNIDA, PODEMOS) xamais aceptaron que EN MAREA chegara a ser un proxecto político autónomo actuando así mais como forzas centrífugas que centrípetas. Este comportamento tivo consecuencias claramente negativas para EN MAREA tales como unha clara  perda de capacidade e iniciativa política, unha intensificación das tensións internas e a proxección dunha imaxe exterior moi negativa. Feitos que se viron ampliados tanto pola falla dun mínimo aparato burocrático que sustentara administrativamente a EN MAREA como polo insuficiente nivel político de moitos dos seus cadros. Se o primeiro orixinou eivas orgánicas insólitas o segundo impediu a consolidación dun proxecto político claro.


Os feitos citados tiveron tamén o seu reflexo negativo na actividade parlamentaria,  municipal e social. Así, por caso, tanto os deputados nos Parlamentos español  e galego como os responsables municipais fallaron en aspectos claves que supuxeron un claro incumprimento dos compromisos contraídos co electorado galego. En relación a actividade no parlamento español foi decepciónante tanto a renuncia a crear, como se prometera durante a campaña, un grupo parlamentario que fora referencia en Galicia, como a carencia dunha axenda política propia que dera paso a intervencións autónomas e referenciais. En Galicia o grupo parlamentario, por mor das tensións internas e da inanición de demasiados deputados, non foi quen de exercer debidamente o seu papel de líder da oposición e aspirante a gobernar a Xunta de Galicia. Por si todo isto non fora suficiente  a nivel local as principais mareas municipalistas axiña demostraron carencias relevantes na xestión gobernamental, provocando unha grande decepción que se acentuou pola exhibición, en diversas ocasións, dun comportamento distante. Finalmente a nivel social, EN MAREA careceu en todo momento dun referente sindical e social, como lle está sucedendo a PODEMOS, e tampouco foi quen de crear un sistema informativo alternativo que competira coa información segada que sobre as súas actuacións viñan dando a maioría dos medios de información e opinión galegos, tanto públicos como privados.


Houbo tamén unha serie de factores externos indiscutibles. A moción de censura, absolutamente necesaria, a pesares de ser apoiada pola maioría dos partidos democráticos presentes no Parlamento español, entre eles EN MAREA, beneficiaria especialmente ao PSOE sen que EN MAREA por razóns moi diferentes fora quen de capitazalo na parte que lle correspondía e no espazo propio: Galicia. A aparición de forzas de extrema dereita disparou os medos entre moitos cidadáns españois e galegos que viron no PSOE o principal e mais seguro baluarte fronte a involución. Algo que non viron nas forzas emerxentes. A maioría dos medios de comunicación e opinión  estiveron sempre moi activos no papel de desprestixio e desacreditación das forzas emerxentes como EN MAREA cuxos erros foron sempre amplificados ao tempo que silenciados os seus acertos. UNIDOS PODEMOS, marca coa que se identificou a EN MAREA a nivel español, experimentou un crecente desgaste na súa imaxe por mor tanto dos seus erros tácticos como das súas batallas internas. Desgaste que se sumou ao propio de EN MAREA.


Con toda esta paisaxe era difícil que EN MAREA non tivera un claro desgaste electoral. Pódese discutir si foi excesivo ou non pero non é discutible que resultou lóxico. Agora so cabe reflexionar para ver que camiño seguir. Un camiño que debe trazarse a partir de varias  premisas indiscutibles. EN MAREA precisa dunha refundación e seguramente un cambio de nome. O proxecto orixinal xa non é viable, polas razóns citadas, polo que é necesario un replantexamento tanto ideolóxico como estratéxico e táctico. EN MAREA non foi, nin será, un lugar de encontro das forzas á esquerda do PSOE, nin tampouco unha síntese de forzas soberanistas e de ámbito estatal.


Neste marco e fronte ao próximo evento electoral das eleccións autonómicas, tendo en conta as experiencias que poñen en evidencia que en Galicia non hai espazo político para tres forzas a esquerda do PSOE, aparece como bastante evidente que tendo en conta o actual mapa electoral de Galicia, a opción de presentarse en solitario semella unha invitación ao suicidio. Cabe entón debater, a nivel táctico. sobre as posibles alianzas así como sobre un programa común que as solidifique.


2494751 1



Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Máis opinión
Opinadores

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE