Financiamos con diñeiro público -sufragando prazas públicas- unha residencia de anciáns que, segundo o Rexistro Mercantil, foi durante anos, xa non o é, copropiedad dun narco. Si, aquí, en Galiciapress , publicámolo , e non pasou nada.
Unha residencia que a Xunta tivo que intervir por falta de medios e onde aínda así morreron polo menos 24 anciáns durante a covid.
Tamén tivo que intervir por falta de medios outra en Ou Barco, fundada por -segundo o exadministrador xudicial- un empresario vinculado aos bares alterne. Alí morreron polo menos 17 anciáns. Tamén o publicamos e tampouco pasou nada.
De feito, unha vez superada a crise da covid, a Xunta devolveu a xerencia aos mesmos xestores.
O maldito coronavirus serviu para entreabrir as portas dos asilos. O que nos esforzamos en contar, sufrindo moito desgaste, superaba o dantesco.
Que fixo a Fiscalía? Mirar para outro lado. Ningún caso chegou a xuízo.
Que fixo a Xunta? Tentar tapar as vergoñas das empresas.
Que fixemos como pobo? Mirar para outro lado e irnos de festa.
Por iso sorprende, e moito, que de súpeto a Xunta peche dúas vivendas comunitarias en Xinzo e Amoeiro. Inmediatamente, esa mesma Fiscalía que ignorou como os avós se morrían sós e abandonados durante a covid, deseguido filtrou que abría dilixencias de investigación sobre estes dous casos.
Sorprende menos o pouco caso que lle está prestando a opinión pública ao tema. Se algo me quedou claro durante a covid é que se non queres problemas, mellor non falar dos vellos. Mellor lonxe da nosa vista e mellor lonxe dos titulares.
Aos poucos meses de finalizada a pandemia cruceime cunha manifestación de familiares de anciáns de Domus Vin Aldán, tamén intervida pola Xunta, marchando en manifestación por Cangas. Eran os primeiros días tras os confinamentos. Foi patético.
As terrazas sobordaban de alcol e algarabía. Na manifestación marchaban, como moito, un par de ducias de persoas ás que os seus veciños ignoraban.
Esta semana nesa favela moderna chamada Cangas do Morrazo, a subida do recibo do lixo provocou unha concentración de miles de persoas. Lanzaron colectores contra o concello, insultaron a concelleiros, empuxaron a policías, cortaron o tráfico kale borroka style.
Que nos importa máis, que nos suban o lixo ou que os nosos maiores vivan en condicións dignas? Está claro que o primeiro.
A solución sería ampliar a rede pública de residencias, o que, ao basear a asignación en criterios obxectivos, reduciría o clientelismo e o enchufismo.
Pregúntome si os inspectores de Política Social fan ben o seu traballo. Sospeito que tentan facelo, pero que son tan poucos que non dan feito.
Recordo tamén aquela denuncia súa de que era a propia Consellería quen avisaba ás residencias de cando ían aparecer, boicoteando así o seu labor de control Unha denuncia gravísima, que a conselleira Fabiola García negou vehementemente e pola que abriu expedientes contra os inspectores. A Fiscalía ignorouna, non vaia ser. Nunca máis se soubo do tema.
Alguén ten que dicilo. Hai poucas e insuficientes inspeccións porque á Administración non lle convén aplicar a Lei. Se o fixese, pecharían bastantes centros. As eternas listas de espera para ver onde aparcar ao avó dispararíanse aínda máis.
A solución lóxica sería crear unha rede de centros públicos con capacidade suficiente. Claro que se a maioría dos centros fosen públicos, a asignación da maioría de prazas estaría sometidas a uns criterios obxectivos. Iso limitaría a capacidade do cacique de atoparlle un oco ao pai dun amigo ou de enchufar a un sobriño no persoal da residencia.
Todos os sabemos e case todos calamos.
Aviso. Todos chegaremos a vellos.
Ah, por certo, os nosos fillos aprenden sobre todo co exemplo.
Escribe o teu comentario