Políticos apoian á casa de apostas Luckia pese ser multada por dar bonos a autoexcluídos
O presidente da Xunta, a alcaldesa da Coruña e o conselleiro de Industria acudiron onte a apoiar a inauguración da nova sede dunha empresa de apostas e xogo en liña, Luckia.
No seu discurso, o presidente galego Alfonso Rueda destacou a “responsabilidade e conciencia” de Luckia no sector de xogo.
Certo é que Luckia, a diferenza doutros operadores, non acumula un longo historial de multas, aínda que si si foi sancionada por incumprir as normativas que regulan o xogo en España. O Ministerio de Consumo impúxolle unha multa de 10.000 euros en 2022 por unha violación grave da Lei do Xogo, que rebaixou a 6.000 euros tras recoñecer Luckia a infracción, colaborar no proceso e proceder ao pago voluntario.
Castigouse a “concesión de bonos a participantes en actividades de xogo” incluídos a “5 xogadores que estaban en estado autoexcluido”. É dicir, concedéronselle bonos a persoas que pediran expresamente que nos lles ofrecesen estas promocións, suponse por ser conscientes das súas dificultades para controlar o xogo.
Ademais, a Dirección Xeral de Ordenación do Xogo descubriu infraccións das normativas publicitarias, ao atopar famosos facendo publicidade das apostas tanto no blog como nas redes sociais de Luckia. Así figura na resolución do Expediente 2022/119 da Secretaría Xeral de Consumo e Xogo.
É ético que os representantes públicos apoien coa súa presenza a unha casa de apostas dado o problema de ludopatía que arrastran moitas persoas e as súas familias?
Roda: Sempre é un tema sensible, pero ben regulado, todo pódese facer
O presidente da Xunta abordou este tema de raspallón no seu discurso. "Sempre é un tema sensible, pero ben regulado, cumprindo as normas e sendo inflexible coa esixencia e co seu cumprimento, e tendo xenerosidade e amplitude de miras, todo pódese facer”, argumentou.
Tanto Rueda como a alcaldesa da Coruña destacaron que Luckia é un importante actor económico na cidade. Inés Rey destacou que é unha empresa “aberta ao mundo e comprometida co emprego estable" e a igualdade de xénero.
A empresa presidida por José González Fuentes é un dos maiores operadores de xogo en España. A nova sede supón un investimento duns 30 millóns, segundo datos da empresa. Desde alí coordinaranse os miles de traballadores que ten en todo o mundo.
Por agora, ningún partido criticou o respaldo dos mandatarios públicos á empresa de apostas. Non sucedeu o mesmo nas redes sociais.
“Luckia, empresa de apostas, que fomenta a ludopatía, a ruína de moitas familias, e a perdición de moita xente. Bravo Alfonso!!! Nunca sabes onde sobras, nin onde faltas” ou “non lhe dá vergonha apoiar a lestes negócios que fomentan a ludopatia e as grandísimos problemas para as persoas?” son dous das mensaxes que, por exemplo, pódense ler no Facebook da Xunta de Galicia.
Escribe o teu comentario