Veciños de Touro denuncian unha reunión opaca e rexeitan "beneficios sociais" a cambio de auga e terra
O Concello de Touro celebrou o 4 de maio unha reunión informativa sobre o proxecto mineiro sen avisar ás asociacións ambientais do municipio, denuncian varios colectivos.
A cita, celebrada na Casa dá Cultura, limitouse a un grupo restrinxido de persoas con captacións de auga en Arinteiro. Nin a plataforma Mina Touro O Pino Non nin a Asociación Tralapena foron convocadas, a pesar de ser as principais organizacións veciñais que se opoñen ao proxecto. Os afectados critican que se actúe "ás costas da poboación" e lembran que a traída que abastece Fonte Díaz e Loxo toma a maior parte do seu caudal, case todo o ano, desa mesma captación de Arinteiro.
A reunión concluíu co alcalde animando aos asistentes a seguir ao día seguinte a intervención da conselleira de Industria no Pleno do Parlamento galego, onde anunciou a intención de impulsar novas minas en Corcoesto , San Finx e Santa Comba. Os veciños ven nese anuncio a confirmación de que o Goberno autonómico pretende converter comarcas enteiras en concas mineiras.
Sen acordo nin conformidade
Os colectivos afectados rexeitan de forma tallante tanto a apertura da mina como calquera negociación sobre os chamados "beneficios sociais". "Non teñen o noso acordo nin conformidade para negociar pactos a cambio de desfacernos a vida, a terra, o aire e a auga", sinalan nun comunicado. Levan máis de doce meses reclamando ser recoñecidos como parte interesada no expediente para acceder aos informes sectoriais, sen resultado.
No seu lugar, esixen análises periódicas das augas dos ríos Ameneiro, Pucheiras, Portapego e Lañas, a instalación dunha estación de medición de calidade do aire en Cruz de Méndez e a publicación semanal de todas as analíticas no portal de transparencia municipal. A súa proposta pasa tamén por que os concellos insten unha Declaración de Impacto Ambiental desfavorable da Xunta, en lugar de abrir a porta a acordos que consideran derrotistas.
Escribe o teu comentario