Cando tanto se fala das mulleres, á hora da verdade, despois de 40 anos de democracia, os cabezas de lista que aspiran a gobernar España son todos homes, ningún partido aposta por unha muller como candidata. Claro que, se temos en conta que os que dirixen os partidos son todos homes, as dúbidas quedan despexadas. As mulleres seguen tendo vetada a súa chegada á Moncloa como presidentas. As mulleres aínda non teñen a autorización masculina para acceder ao cargo, como dicía o famoso anuncio de coñac, "Moncloa é cousas de homes".
O poder dos homes segue sendo evidente. Onte púidose apreciar no debate dos catro aspirantes a presidir o goberno de España, catro homes e un quinto, o presentador. Nin sequera puxeron a unha muller para presentar o debate. Minto, si que había mulleres no estudio minutos antes do inicio: as maquilladoras e dúas mulleres da limpeza que se afanaban, coa mopa en man, en darlle brillo ao estudio. Por que non puxeron a un home para limpar, que os hai? O poder político, económico e social, é dicir, o PODER, segue sendo cousa de homes.
No debate de TVE, os candidatos xogaron o rol que se esperaba deles, uns con maior acerto que outros. Pedro Sánchez, no seu papel de presidente de goberno, expuxo os logros nestes dez meses que leva na presidencia do goberno e con tan só 85 deputados. Toda unha gran aventura da que sente orgulloso. Pablo Casado, cunha actitude máis moderada para tranquilizar a boa parte dos seus votantes e compañeiros de partido que andan un pouco alarmados polas súas intervencións nos diversos mitins, foi pasado pola dereita por un Albert Rivera que estreaba coche de máis de 100.000 euros -págao o partido en sistema leasing- quen colleu a directa para dar a dereita e esquerda. Rivera, que nos últimos tempos perdeu credibilidade polo pacto en Andalucía e a foto de Colón con Vox incluída, tiña que aproveitar a ocasión para marcar perfil propio, incluso meténdose con Pablo Casado e o seu partido da corrupción. Pedro Sánchez, o inimigo para bater, foi o obxectivo marcado, utilizando a Catalunya como punto fraco do presidente: pacto cos independentistas e indultos, pero Sánchez, que non tivo o seu mellor día, non lle seguiu o xogo.
Pablo Igrexas, o que máis tiña que gañar, dados os resultados nada bos que lle dan as enquisas, aparecía cun ton menos agresivo, máis bolivariano, coa Constitución na man, igual que Maduro, facendo da Carta Magna- é curioso- o seu libro de cabeceira e o seu guía política. Non desaproveitou a ocasión de meterse con Pedro Sánchez, debe marcar perfil para os seus votantes. Con temas populistas que lle son propios: bancos, eléctricas, grandes empresas e baixada de impostos dos produtos xenuinamente femininos compresas?
Mentres Pedro Sánchez adoptaba postura institucional, Pablo Casado tamén, como aspirante a presidente con opción. Albert Rivera e Pablo Igrexas lanzábanse ao mar para pescar os votos dos miles e miles de indecisos. Votos que van ser moi importantes para inclinar a balanza nun sentido ou outro e que van contribuír, ou non, aos pactos posteriores.
Un debate bastante constrinxido, axustándose os participantes aos tempos asignados. Esta noite, a segunda parte, na que as actitudes de Pedro Sánchez e Pablo Casado non van ser as mesmas. Xóganse moito nesta ocasión, son uns cuantos millóns de persoas as que van estar atentas ás propostas de país que van presentar. Así que, como dicía Mafalda, os catro deberían dicir: "Por onde hai que empuxar este país para levalo adiante?".
Escribe o teu comentario