Austeridade e extrema dereita

Manoel Barbeitos
Economista

O resultado obtido por VOX nas derradeiras eleccións andaluzas levantou tódalas alarmas nos escenarios andaluz e español. Nembargante e a pesares da abundancia de opinións verquidas votamos en falla que so en moi contadas excepcións se analizara con un pouco de rigor as causas reais tanto do ascenso do apoio popular a extrema dereita (neste caso representado por VOX: 11% dos votos) como da relevante caída do voto nos partidos de esquerda (o PSOE perdeu un 7,5% dos votos -14 escanos- e ADELANTE ANDALUCIA un 6% -3 escanos-) e o non menos espectacular ascenso da abstención (41,5%)


Estas eleccións poden posibilitar que, por primeira vez, o PSOE non chegue a gobernar logo de facelo de xeito continuado durante mais de corenta anos. Un longuísimo período de goberno da socialdemocracia (PSOE) que, nembargante, non foi quen de sacar a Andalucía do furgón de cola rexional en canto ao seu nivel de desenrolo: si no ano 1980 o nivel de riqueza de Andalucía equivalía ao 79,9% da media española, no ano 2017 o nivel era do 73,9%: 6 puntos menos que a manteñen no furgón de cola. Un menor desenrolo que se reflicte, por caso, nunha elevada taxa de desemprego: 23%, que ascende a un 27,1% nas mulleres e un 46% nos/as mozos/as. En corenta anos de goberno, practicamente absoluto, o PSOE non foi quen de conseguir que Andalucía deixara de ser unha rexión subdesenvolvida con elevadas taxas de desemprego e tamén elevados niveis de desigualdade (o nivel de risco e pobreza está nun 42,5%: o mais elevado de España).

A pesar do gozar dun goberno practicamente monocolor o PSOE en todo este longo período nunca optou por políticas autenticamente expansivas moi especialmente durante a grande recesión onde aplicou as mesmas políticas de austeridade que a nivel de estado. Políticas que provocaron os efectos anteriormente citados quen facilitaron o auxe das forzas de extrema dereita -algún significado debe ter que VOX fora a forza mais votada en varios dos distritos mais pobres de Andalucía como por caso o distrito sur de Sevilla- como así sucedeu, i está sucedendo, en moitos lugares de Europa.


Por que ao día de hoxe resulta indiscutible que en Europa hai un malestar profundo, focalizado nos/as cidadáns de rendas medias e baixas. Un malestar social que ao non topar respostas satisfactorias nas forzas de esquerdas –aplican, aló onde gobernan as mesmas políticas austericidas que a dereita neoliberal- está sendo habilmente capitalizado polas forzas de extrema dereita. Unha capitalización tamén favorecida por que a dereita clásica está asumindo como propios os postulados da extrema dereita de tal forma que cada vez hai menos diferenzas entre ambas: vexamos en España os casos do PP, Cs e Vox.


Unha estratexia que está a dar os seus froitos. A extrema dereita está presente en 17 dos 18 parlamentos da Unión Europea e cogoberna en 7 países (Austria, Bélxica, Finlandia, Dinamarca, Letonia, Hungría e Polonia) dos cales en 2 faino en solitario (Hungría e Polonia). Unha extrema dereita que tamén ten un apoio relevante en Francia (21,1% da intención de voto), Eslovaquia (16,6%), Bulgaria (15%), Holanda (14,9%), Suecia (12,9%), Alamana (12,6%), Grecia (10,7%), Chequia (10,6%). España parece querer agora incorporarse ao grupo: segundo enquisas recentes nunhas eleccións xerais Vox acadaría o 8% dos sufraxios suficientes para ter presenza no Parlamento español.


Este ascenso xeral da extrema dereita ten moito que ver co crecente descontento e malestar que entre as clases populares europeas provocan as políticas públicas de austeridade e rebaixa salarial que baixo o liderado alemán e controladas ferreamente pola cuadriga (Consello Europeo, Comisión Europea, Banco Central Europeo e Fondo Monetario Internacional) estanse aplicando practicamente en toda Europa. Unhas elites europeas (neoliberais e socialdemócratas) que, nembargante, non parecen querer aprender das experiencias históricas.


Así tales elites europeas, xustifican as duras políticas de austeridade (Tratado de Estabilidade, Coordinación e Gobernanza –TECG-) por mor de evitar que se dispare a inflación. Na actual eurozona a adopción deste dogma foi un imperativo innegociable de Alamana –realmente do Bundesbank- para aceptar tanto o euro como a creación do Banco Central Europeo. Imperativo ordoliberal, plasmado no Tratado de Maastrich e no Tratado Constitutivo da Comunidade Europea (Título VII), que se sustenta nun argumento histórico falso: en Alamana está moi estendida a idea de que foi a inflación galopante no período da república de Weismar quen favoreceu o posterior ascenso dos nazis ao poder coas consecuencias de todos coñecidas.


Tese que, nembargante, as evidencias históricas desmenten categoricamente: 1. O período hiperinflacionario da república de Weimar tivo lugar entre os anos 1918 e 1923. Unha hiperinflación que non foi o froito de políticas monetarias expansivas senón consecuencia dos terribles custos que para Alamana supuxeron as durísimas obrigas de reparación impostas polas estados que gañaran a guerra (Tratado de Versalles). Reparacións que tiñan que facerse en marcos de ouro –pagos en metálico-, con entregas en especie que incluíron ademais da devolución de importantes activos a ocupación militar de zonas industrias alamanas claves (por caso a conca do Ruhr). Medidas que provocaron se producira, en termos macroeconómicos, unha drástica diminución da capacidade de oferta da economía alamana, moi por baixo da súa capacidade de gasto –presionado este pola obriga de facer fronte ao pago dos seus compromisos-, desequilibrio que disparou os prezos e converteu a inflación nunha hiperinflación.


2. O ascenso do partido nazi ao poder tivo lugar moi posteriormente -os nazis ascenderon realmente ao poder entre os anos 1932 e 1933, ou sexa dez anos mais tarde- e nun contexto económico e social diferente pero marcado por unha grande depresión económica. Depresión provocada polas durísimas políticas de axuste fiscal e as reformas laborais neoliberais que o goberno do chanceler Heinrich Brünning puxera en marcha no ano 1931 e que dispararon o desemprego ata cotas descoñecidas e insoportables -30% de desempregados no 1932, cifra que nalgúns estados alemáns como A Renania-Westfalia chegou ao 50%- e fundiron os salarios –ata un 35% do seu valor nominal-. Políticas austericidas que, deste xeito, crearon un caldo de cultivo moi favorable para o ascenso dos nazis ao poder nos anos seguintes.


Pero a pesar destas evidencias científicas as elites europeas non parece que aprenderan da historia para así non repetir aquelas terribles experiencias.

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Máis opinión
Opinadores

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE