Esta non é a miña choiva

Rodrigo Brión Insua


Choiva chover


Saben vostedes o chiste dos dous compañeiros de traballo que se atopan á volta de vacacións e dille un ao outro “Pois este ano funme de vacacións a Galicia”, e o compañeiro pregunta “Ah si? E que tal o verán por Galicia?”, ao que este responde “Fantástico! Este ano caeu en martes!”. É un bo chiste, un deses que adoita contar o meu pai.  Lamentablemente, cada vez é menos gracioso. Non porque perdese a graza, senón porque perdeu o sentido. Galicia, ese lugar de ceos grises, verdes prados e choiva, moita choiva, xa non é o que era. Onde foi a choiva?


Esta pregunta talvez perda forza hoxe, día no que moitos tivemos que vir en piragua a traballar. En Santiago de Compostela a Noé só faltáballe unha parella de ñus para sacar o arca. As alertas laranxas e amarelas protagonizaron a fin de semana e o temporal deixou litros e litros de auga en toda a comunidade. Demasiada auga talvez, porque aínda que este é o tempo normal de decembro, estas non son as choivas que tradicionalmente regaron Galicia. Unha Galicia cuxo verán empeza en abril e non acaba ata ben entrado outubro, e onde agora nos sorprende se vemos que chove dous días seguidos.


Un informe da USC demostrou en 2017 que o verán galego duplicouse en só 70 anos. É dicir, se en 1950 o ano tiña 33 días de verán (días con temperaturas de 25 ºC ou máis) agora temos máis de 60 días estivais. Aínda así, e coas cifras na man, case o 15% dos galegos nega o cambio climático. Supoño que todos serán amigos do primo de Rajoy, aquel que ao non poder prognosticar o tempo de Sevilla rexeitaba calquera predición a longo prazo.


Quizá o meteorólogo primo do expresidente estivo estas semanas por Polonia, no cume do clima. Un cume sen apenas líderes mundiais, que non fai máis que recalcar unha triste evidencia: só temos un planeta, e estámosnolo/estámonolo cargando a pasos axigantados. Non se aprobou ningunha medida para recortar de forma inmediata a emisión de gases, non se sancionou aos países máis contaminantes, non se alcanzaron consensos para deixar de lado dunha vez por todas os combustibles fósiles… Non só non imos cumprir os obxectivos expostos en Kioto para 2020, senón que os pactos aos que se chegou en Katowice son iguais aos que fai un mal estudante consigo mesmo a semana dos exames: “Vale, non fixen nada en todo este tempo. Pero agora póñome en serio eh! Agora seguro que si!”. É dicir: máis do mesmo para que non cambie nada. Encima, as medidas destinadas a salvar o medioambiente espertan mobilizacións multitudinarias, como as dos ‘chalecos amarelos’ en Francia. Parece que nos queda grande iso de salvar o mundo.


Volvendo a Galicia e ás súas choivas, hai que lembrar que o ano pasado a seca puxo en xaque a toda a comunidade. Mesmo se viviron momentos de tensión, como a polémica en torno ao posible transvasamento do Río Verdugo para levar auga a Vigo, unha cidade que nunca pensou que ía ter problemas coa auga. Coincidiu a seca cunha vaga de incendios sen precedentes, nun outubro extremadamente cálido que non axudou ás labores contraincendios e que si beneficiou ás chamas, que devoraron todo canto atoparon ao seu paso. Non son acontecementos casuais. Isto irá a peor cos anos, e na nosa man está poñerlle freo ou, polo menos, retardalo na medida do posible.


Segue chovendo, si, pero non estamos preparados para esta choiva. Non estamos preparados para estar dous meses sen ver unha soa pinga e que en dúas horas chova o que non choveu en toda a estación. Non estamos preparados para soportar riadas, inundacións e tormentas tropicais. Non estamos preparados para ceos claros 364 días do ano e que nunha xornada cáianos o diluvio universal. Ao meu denme ceos grises. Os máis bonitos. Os de Galicia.


Frank-T: “Por nuestro bien sean ecológicos / porque la Tierra se muere; / o también sean ecológicos / porque lo dicen en la tele”

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Máis opinión
Opinadores

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE