Carta das traballadoras xeriátricas aos Reis Magos: "A Xunta converte residencias en psiquiátricos"
Delegadas da CIG de Ferrolterra, de centros como os DomusVi de Narón ou Ferrol, critican a situación penosa que viven os persoais, onde falta persoal para atender en tempo e forma a decenas de residentes, moitos deles grandes dependentes, e outros, cada vez máis, menores de 65 anos pero con "graves problemas mentais"
O Nadal están a ser especialmente duras en moitas residencias para a terceira idade, onde os traballadores chegan a estas datas esgotados, baixo mínimos e con menos recursos que nunca. Mentres o sector trata de desbloquear as negociacións por un novo convenio colectivo, aquí e alá sucédense as mobilizacións e protestas ante os xeriátricos, por onde tamén o 5 de xaneiro pasarán os Reis Meigos e onde deixarán, segundo o relato dos traballadores destes centros, sacos e sacos de carbón aos responsables da precariedade na que viven os persoais e os pobres residentes.
Nesta ocasión son as delegadas da #CIG en Ferrolterra as que toman a palabra en nome dos traballadores das residencias privadas e, aproveitando o paso de Melchor, Gaspar e Baltasar por Galicia, fan entrega aos Reis dunha carta na que incorporan os desexos do colectivo para mellorar o servizo que prestan en residencias como ao DomusVi de Narón, a DomusVi de Ferrol ou o Centro Residencial A miña Casa Asociación Idade Dourada Mensaxeiros da Paz Noroeste.
Na súa carta ás súas Maxestades de Oriente e remitida ás direccións dos xeriátricos e á Consellería de Política Social, as traballadoras das residencias, "esas ás que tedes exclavizadas por salarios indignos que non nos permiten chegar a final de mes", indican que todos os actores son "moi coñecedores" das condicións nas que teñen que operar, con catro gericultoras para atender a 47 usuarios. Isto significa "asear, vestir, levantar e dar o almorzo" a case medio centenar de grandes dependentes nun tempo marca de dúas horas.
RESIDENCIAS VIP E CONDICIÓNS DE TERCEIRA
Con esta repartición, con máis de dez residentes por cabeza, a situación complícase aínda máis si temos en conta que os traballadores de limpeza tampouco pode asumir a alta carga de traballo nun centro con 135 usuarios e só catro limpadores na quenda de mañá, número que se reduce á metade na quenda de tarde. A situación entre o persoal de cociña, rececpción ou lavandaría, din, non é moito mellor, pois as súas condicións son "igual de lamentables".
Todo isto sucede nos "centros denominados VIP ou de primeira clase", cun custo de 2.500 euros ao mes só por unha habitación compartida. Alí os traballadores "non podemos nin enfermar, pois nos penalizan salarialmente", polo que moitos coidadores van traballar "enfermos", co risco que supón tanto para a súa integridade como para a dos propios usuarios.
"Algún de vostedes imaxínase a tensión física e psicolóxica que supón, días tras día, para as traballadoras? Algún de vostedes imaxina aos seus pais, nais ou avós tratados coma se fosen mercadorías ou sacos de patacas?", cuestionan no documento.
Nesa liña, critican que nin os beneficios milmillonarios do sete grandes grupos, con máis de 1.600 millóns de euros de ganancias no último exercicio, espertaron a máis mínima preocupación entre as grandes firmas que fan negocio co coidado dos maiores e dependentes. "Pouco ou nada lles importan os maiores que non son máis que números que engordan as súas contas, pero a nós, que estamos día a día con eles, pártesenos a alma de ver como se están deteriorando os coidados que lles prestamos", lamentan.
"As INVISIBLES" DE FABIOLA GARCÍA
Xa no tocante á Xunta, e nomeadamente nas responsabilidades da conselleira Fabiola García, á que acusan de #negar a recibir ao colectivo e que "nin sequera se atreve a mirar á cara" ás traballadoras das residencias, "esas invisibles", como se denominan, culpan á titular de Política Social de ser a "responsable máxima" de derívaa que tomou este sector onde "están a converter as residencias en psiquiátricos".
"Tres de cada dez novos ingresos son de persoas menores de 65 anos con graves problemas mentais", argumentan. "Imaxínase un centro residencial con persoal pouco ou nada formado nestas patoloxías, sen instalacións axeitadas, sen farmacoloxía apropiada, nos que se producen cada vez máis agresións tanto a traballadores como a usuarios? Imaxínase unha residencia sen enfermeiras?", interpelan a García, á vez que denuncian as consecuencias que traerá a medida da Xunta de Galicia para rebaixar a obrigatoriedade e o número de profesionais de enfermaría nos xeriátricos.
"Quen vai facer o traballo dunha enfermeira titulada? Esa nova figura de Técnico Avanzado que en realidade non é máis que unha auxiliar de enfermaría facendo unhas tarefas que non lle corresponden?", abundan.
"RESIDENCIAS CONVERTIDAS EN FÁBRICAS DE PRECARIEDADE"
A continuación, reclaman á Consellería de Política social que o colectivo sexa tratado "como profesionais, que o somos e das mellores, e non como traballadores de terceira", así como "un convenio con salarios dignos e condicións laborais xustas", ademais de "poder desenvolver o noso traballo con dignidade e tempo que os maiores merecen e necesitan".
De igual modo, reiteran a solicitude de que a Xunta "deixe de mercantilizar os coidados, privatizando e entregando as residencias a empresas amigas e a fondos voitre que están a converter as residencias en fábricas de precariedade laboral e penosidad".
Por último, tanto á conselleíra como aos responsables dos centros, convídaos a asistir a unha visita polas residencias de Ferrolterra, onde as traballadoras serían as guías do percorrido. "Iso si, sen previo aviso, para que de verdade poidan ver o que ocorre nos centros no día a día", apuntan, xa que se se notifican visitas as residencias convértense en "o escaparate perfecto": "Os maiores coa mellor presenza, todo precioso, limpísimo e traballadores nun número nunca visto, pero non esquezan que mesmo nesas circunstancias, iso vai sobre as nosas costas".
Escribe o teu comentario