Unha enorme lercha

Manoel Barbeitos
Economista

José Tomé esta tarde en rueda de prensajpg
José Tomé esta tarde en rueda de prensajpg


 

Resulta natural, mesmo necesario, que na conxuntura actual o PSOE reciba fortes críticas tanto polos casos de corrupción que lle afectan directamente como tamén polos de violencia de xénero en que aparecen implicados cadros e dirixentes socialistas. O que non deberá ser tan natural é que esas críticas poidan vir dunhas dereitas (PP/Vox) que presentan un historial repleto de incidentes deste tipo, a maioría deles froito da súa ideoloxía supremacista e de clase.


 

Non se trata de utilizar aquelo de “ti máis” senón de analizar con rigor as evidencias para logo sacar conclusións axeitadas. Se así o facemos, comprobaremos a enorme lercha que supón acusar a Pedro Sánchez e o seu partido (PSOE) de corrupción especialmente cando esas acusacións veñen dos dirixentes doutro partido (PP) que se alimenta da mesma, como así o mostran casos como PUNICA, LEZO, KITCHEN, GURTEL ou MONTORO. Mentres nun caso (PSOE), e segundo todos os datos coñecidos ao día de hoxe, estamos diante dun grupo reducido de corruptos (Santos Cerdán, José Luis Ábalos e Koldo García), sen que haxa probas de financiamento ilegal do partido (PSOE), noutro (PP), trátase dunha corrupción sistémica con un elevadísimo número de dirixentes políticos imputados e condenados (se na actualidade os políticos do PP xa condenados por corrupción acumulan mais de 100 anos de cadea, a este dato haberá que sumarlle os que resulten dos 30 expedientes pendentes de xuízo por amaño de adxudicacións públicas, cobro de subornos, plans urbanísticos ilegais, tráfico de influencias, financiamento irregular, uso de fondos reservados para operacións parapoliciais....), sendo ademais un partido político (PP) que se convertería no primeiro, e polo de agora único, na historia da democracia española en ser condenado, como entidade xurídica, nun caso de corrupción: a trama GURTEL. Con estes historiais as diferenzas deberían estar claras entre a cidadanía.

 

Sobre a violencia de xénero parece evidente que nalgúns cargos políticos e dirixentes do PSOE rexe a mentalidade de “macho ibérico” sen que a organización como tal sexa quen de poñerlle freo. Unha evidencia que, a pesar diso, non debera ocultar, pois sería tremendamente inxusto, o que este partido (PSOE), xunto a Sumar, teñen feito dende o goberno a prol da igualdade de xénero -que situaron a España no cuarto lugar en Europa- e contra a violencia machista -que diminuíu nun 30% sendo o ano 2024 o que rexistrou un menor número de mulleres asasinadas dende que se teñen datos- que non ten precedentes en gobernos anteriores. Actuacións que deben ser postas en valor ao tempo que servir para comparalas con aquelas que desenvolven as dereitas extremas (PP e Vox) aló onde gobernan (Andalucía, Pais Valencia, Castela-León, Extremadura, Madrid...) co Partido Popular asumindo, case integramente, o ideario machista e xenófobo de Vox que ignora a violencia de xénero (Vox non asinou o Pacto de Estado contra a violencia de xénero).

 

Repito, non vale iso de “ti máis”, pero compre denunciar a enorme lercha destas dereitas (PP/Vox), e os seus altofalantes que, por caso, en Galicia son maioría, á hora de acusar ao goberno español de quenda (PSOE/Sumar) e moi especialmente ao seu Presidente, Pedro Sánchez de corrupto e de lucrarse da prostitución de mulleres (“De que prostíbulos viviu vostede” lle diría Feijoó). Lercha por que non hai comparación posible.

 

Unha realidade que, por outra parte, non pode servir para exculpar ao PSOE dos seus pecados en materia de corrupción e igualdade de xénero. Senón para esixirlle que actúe con firmeza e decisión de forma que non se repitan casos como os que están aparecendo e que lle supoñen un perda importante de credibilidade e de apoio social, especialmente entre o electorado feminino. Unha actuación imprescindible se quere seguir gobernando pero que non debería ser utilizada por algúns, como está pasando no PSdeG/PSOE, para desquites e axustes de contas internos que poden saír carísimos.

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Máis opinión
Opinadores

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE