O Fiscal Xeral do Estado non debe dimitir

Manoel Barbeitos
Economista

Son fundadas as razóns (xudiciais e políticas) que xustifican a defensa de que o Fiscal Xeral do Estado non debe dimitir a pesar da decisión do maxistrado do Tribunal Supremo, (Anxo Luís) Furtado, de levalo a xuízo por unha suposta filtración de datos relativos ao (presunto pero confeso) delincuente fiscal, (Alberto) Gonzalez Amador, que como se sabe é parella da señora Isabel Díaz Ayuso, presidenta da Comunidade Autónoma de Madrid e dirixente moi destacada do Partido Popular, que aquela aspira a liderar (este dato é fundamental para mellor entender o que está a pasar). 


Entre todas as razóns hai dúas especialmente relevantes: a primeira, que non hai probas de que o Fiscal Xeral houbese cometido o delito do que se lle acusa. A segunda, que, como afirma o emérito maxistrado Martin Pallin, este caso vén confirmar “a participación dalgúns xuíces na operación de acoso e derriba do Goberno de quenda (#PSOE/Sumar) iniciada pola oposición política e mediática e intensificada a partir das eleccións de 2023, cando a dereita confiaba en que o resultado electoral daríalles o acceso á Moncloa. Non foi así e Pedro Sánchez, o 16 de novembro de 2023, foi investido presidente con 179 votos a favor e 171 en contra”. Estariamos agora diante dun intento de golpe de estado xudicial no que o Fiscal Xeral, (Álvaro) García Ortiz é unha peza máis a cazar, pero moi relevante. De ter éxito esta operación abriríase a porta a que a trama golpista puxese a continuación o foco nalgún ministro ou ministra e, mesmo, no propio xefe de Goberno.


Hai incontables evidencias deste intento e, entre as últimas, podemos destacar o feito inaudito de que o xuíz Furtado imponlle ao Fiscal Xeral unha fianza de 150.000 euros. Por que é relevante esta decisión? Por dúas razóns: a primeira, porque se basea nun criterio que fora no seu día declarado inconstitucional e, a segunda, porque, como afirma a sentenza do Tribunal Constitucional, contar cunha posible multa equivale a “anticipar a pena”. Cabería tamén preguntar si, como sería lóxico, o Fiscal Xeral resulta inocente, que pasará co diñeiro desa fianza, por outra banda desmesurada?


En relación co sinalado anteriormente relativo a inocencia do Fiscal Xeral, simplemente utilizar as evidencias que demostran como as “dilixencias abertas tergiversan a realidade do acontecido” (Martin Pallín). Dilixencias que non responden á realidade dos feitos, senón que seguen o relato montado desde a xefatura de gabinete da Presidencia da Comunidade de Madrid, que non se axusta a verdade. Porque foi ese gabinete quen filtrou aos medios que “a parella de Ayuso, (Alberto) González Amador, estaba en tratos de conformidade e que o fiscal xeral do Estado opúxose. Iso é rotundamente falso (os fiscais nunca se dirixen aos avogados para ofrecerlles unha conformidade, son eles os que se dirixen aos fiscais). Ante esa gravísima imputación, o Fiscal Xeral reacciona cunha nota desmentindo a falsidade da noticia. Todo o demais é falso e carece de sustento probatorio, como apunta acertadamente o voto disidente do Maxistrado Palomo do Arco” (Martin Pallin). Non hai delito por ningún lado.


Dilixencias que tamén confirman o sinalado de que estamos diante dunha trama que tenta derrubar ao Goberno de quenda. Así, na introdución do auto o xuíz, “establece que o Fiscal Xeral do Estado actuaba en base a indicacións da Presidencia do Goberno”. En que se basea o maxistrado Furtado para facer tal afirmación? De ser así, como non encausa aos supostos inductores do delito?


Evidencias todas que xustifican que expertos xudiciais como o citado maxistrado emérito Martín Pallin consideren que “o auto contra o Fiscal Xeral é un monumento ao disparate xurídico”. Evidencias e valoracións que a non poucos cidadáns, preocupados polos ataques que recibe a democracia, condúcennos a que defendamos que o Fiscal Xeral do Estado non debe dimitir, pois facelo sería darlle a razón a aqueles (políticos, xornalistas, maxistrados) que están empeñados nun intento de golpe de estado xudicial.

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Máis opinión
Opinadores

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE