Os socialistas asumiron como un asunto máis, como outros moitos, o caso do seu secretario de organización Santos Cerdán. As distintas saídas que ofrece a Constitución no seu artigo 14, cuestión de confianza ou moción de censura, non lle interesan nin ao propio presidente, que ten a potestade de presentala no primeiro caso, pero tampouco lles serve aos conservadores, no segundo caso, xa que non lle dan os números, que sería a falta de catro deputados para que os populares puidesen presentar a moción de censura.
As listas abertas e a limitación de mandatos, serían entre outras alternativas, unha posible solución para reducir, que non eliminar, os casos de corrupción e tráfico de influencias, que se cronifican, ao perpetuar os políticos nos aparellos dos partidos.
Por tanto habería que modificar o artigo 99 da Constitución, e a Lei Orgánica do Réxime Electoral Xeral (LOREG). Tampouco podemos ignorar que o último goberno de Mariano Rajoy, tamén colapsou por casos de corrupción dentro do propio Partido Popular. O “e ti máis” no caso de Santos Cerdán, e o non facer autocrítica por parte de Pedro Sánchez, está fóra de contexto e da realidade social, que no seu foro interno, que non moral, o propio presidente do goberno recoñece, nun caso tan grave como o é, o do seu secretario de organización e presunto implicado nunha trama de corrupción.
Deixando os tempos políticos e leis a parte, as posibles alternativas que se dan, non interesan para nada a ningunha formación, xa que se pensa en termos partidistas e non en clave de país e dos seus cidadáns, que é o máis triste de toda esta etapa convulsa da democracia española.
Cando se lle esperaba unha intervención á altura da gravidade dos feitos, en relación con Santos Cerdán, home da súa confianza durante nada menos que 11 anos, limítase a pór lacrimóxeno, todo un presidente de Goberno. As contas non lle saen a ninguén, salvo ao señor Puigdemont, e mentres non se chegue a unha gran coalición á alemá, España seguirá tendo un déficit democrático importante. A Guerra Civil fixo moito dano.
Os principios e valores da Transición hai que recuperalos, é a única solución viable e de país para saír desta lameira ética e moral, que afectan en maior ou menor medida a todas as formacións políticas. A alternativa non é que sexa mellor, pero todas as etapas e en base ás circunstancias, neste caso políticas, teñen o seu fin. Pódese prolongar a agonía e está no seu dereito o señor Sánchez, desde o punto de vista legal, pero que non se esqueza, que a pesar dos seus logros en política social e de igualdade, pasará á historia, seguro, pero o expediente teno xa moi sucio. Chámase corrupción. ;e imaxino que lle dará igual.
Pero non nos enganemos, a solución non está nun cambio de goberno, iso xa sucedeu co último gabinete do señor Rajoy, e todo o que se conseguiu foi cambio de corrupción por máis corrupción. As lexislaturas son de catro anos, segundo a Constitución, e deberíase respectar o mandato, pero tampouco é unha dogma de fe, e a mesma Carta Magna recolle mediante outros instrumentos, unha das alternativas legais, que non a única, viría dada pola convocatoria de eleccións anticipadas. Outra opción sería a moción de censura. Catro deputados, só catro deputados.
Escribe o teu comentario