Non debera estrañar que en España a confianza dos cidadáns na xustiza se desplome e estea practicamente baixo mínimos, como pon en evidencia o dato de que, segundo un moi recente Informe da Comisión Europea, figura entre os estados da Unión Europea con menor confianza cidadá na independencia de xuíces e tribunais: dos 27 estados analizados, España sitúase como o sétimo con peor percepción, só por diante de Polonia, Croacia, Bulgaria, Eslovaquia, Grecia e Hungría. Algo que non debera estrañarnos porque, se analizamos o sucedido na última década, atoparemos evidencias contundentes que avalan esa desconfianza.
Unha desconfianza que descansa na comprobación de que en demasiados casos no se respecta a presunción de inocencia e noutros, tamén numerosos, non se actúa igual se se trata de representantes políticos das esquerdas que se fosen das dereitas e, finalmente, en que tampouco se respecta como se debera a división de poderes. Desconfianza que se amplía cando comprobamos como tampouco se respecta o secreto dos sumarios e incluso se producen situacións nas que maxistrados non respectan as leis. Evidencias que conducen a pensar que en España, dende que triunfara a moción de censura de Pedro Sánchez contra o goberno de Mariano Rajoy, estamos asistindo a unha ofensiva xudicial para derribar o Goberno de coalición (PSOE/Sumar), focalizada no seu presidente (Visto para sentenza, Juan Antonio Martín Pallín). Repasemos as evidencias.
En relación ao non respecto á presunción de inocencia hai moitos casos, pero vou facer referencia a dous recentes e moi relevantes que resultan paradigmáticos. O primeiro foi o caso do anterior Fiscal Xeral do Estado, Álvaro García Ortiz; o segundo, o dun expresidente, José Luis Rodríguez Zapatero. En ámbolos dous casos non se respectou a presunción de inocencia pero, a pesar diso, o primeiro sería condenado nada máis e nada menos que polo Tribunal Supremo e o segundo parte xa condenado no auto do xuíz sen que aparezan probas nel das acusacións vertidas. En relación ao trato desigual segundo se trate de políticos de esquerdas e nacionalistas ou de dereitas, basta facer memoria sobre os casos de Pablo Iglesias, Irene Montero, Juan Carlos Monedero, Ada Colau, Mónica Oltra, Juan María Atutxa, Oriol Junqueras, Begoña Gómez e David Sánchez, entre outros moitos, e comparalos co trato xudicial a Mariano Rajoy, Soraya Sáenz de Santamaría, Dolores de Cospedal, Esperanza Aguirre, Francisco Camps, Isabel Ayuso, González Amador, Cristóbal Montoro, Carlos Mazón, etc.
En relación ao non respecto á división de poderes por maxistrados e instancias xurídicas, temos varios casos moi rechamantes que van dende o Estatuto de Marivent deica a Lei de Amnistía. No primeiro caso, o Tribunal Constitucional desnaturalizou un estatuto aprobado polo Parlamento de Catalunya e referendado posteriormente pola cidadanía catalá. No segundo caso, unha lei aprobada polo Parlamento español foi contestada por membros destacados do poder xudicial que intentaron impedir a súa posta en práctica a pesar de ter sido avalada polo Tribunal Constitucional e o Tribunal de Xustiza da Unión Europea. Estamos así diante dunha estratexia que busca conseguir nas vías xudiciais, previamente ideoloxizadas, unha resolución descoñecendo o principio da división de poderes e a imparcialidade, deixando sen efecto as decisións emanadas da soberanía popular respecto da elección dos seus representantes e do Poder Executivo.
En relación ao secreto do sumario —“declaración expresa en virtude da cal as dilixencias de investigación permanecen secretas deica a apertura do xuízo, podendo ser total ou parcial. A revelación conmínase coa imposición dunha multa e responsabilidade penal, no seu caso, a avogados e funcionarios públicos”—, temos constantes evidencias de que aquel non se respecta cando se trata de investigacións xudiciais a políticos de esquerdas e nacionalistas. Así vemos como nos casos xa citados, o do anterior Fiscal Xeral do Estado ou o recente de José Luis Zapatero, os partidos de dereitas (PP, Vox) e os seus altofalantes tiveron coñecemento dos expedientes bastante antes que os afectados. Como é posible?: fácil adiviñalo. Algo que ás dereitas e aos seus altofalantes lles permite ir quentando o ambiente para que os acusados sexan condenados pola opinión pública incluso antes de que se inicie o xuízo. Non pasa o mesmo cando se trata de políticos de dereitas —Gürtel, Púnica, Kitchen, Montoro...— onde o secreto de sumario é total.
Finalmente, no que fai referencia ao non respecto ás leis por algúns maxistrados, vimos de coñecer un caso recente que fai referencia ao xuíz Peinado, quen na súa última actuación xudicial contra Begoña Gómez cita as persoas investigadas a unha audiencia preliminar á que deben “comparecer persoalmente, con apercibimento de ser conducidos pola forza pública ao acto de audiencia preliminar”, chegando a verter ameazas de “adoptar medidas para evitar que eludan a xustiza”. Consultadas eminentes voces xudiciais, estas infórmannos de que estamos diante dun delito por parte do xuíz Peinado, pois os investigados non teñen por que acudir persoalmente a esa cita. Unha actuación xudicial que resulta inaudita.
A pregunta resulta obvia: por que en casos como estes non actúan os poderes xudiciais superiores tal e como debera ser preceptivo? Por que con este tipo de actuacións non resulta estraño que en España a confianza cidadá na independencia de xuíces e tribunais sexa moi baixa? Unha escasa confianza e unha crecente certeza de que estamos asistindo a unha ofensiva xudicial para derribar o Goberno de coalición, focalizada no presidente de Goberno.
Escribe o teu comentario