A Unión Europea e os novos aranceis dos Estados Unidos

Manoel Barbeitos
Economista

Entre as reaccións habidas aos aranceis anunciados por Donald Trump para os bens e mercadorías procedentes da Unión Europea (20%), hai algunhas que sinalan que poden ser unha oportunidade para esta. Poida que as cousas non sexan tan sinxelas, aínda que hai algo que parece claro: o comercio internacional resentirase, uns países máis que outros, con especial incidencia nos países asiáticos, porque teñen unhas economías moi abertas cun maior peso da exportación. Pero os Estados Unidos tamén recibirán o seu impacto.


Estados Unidos tamén recibirán o seu impacto porque provocará unha subida de prezos importante (Estados Unidos é o principal país importador a nivel mundial: 3 billóns de dólares no 2024, equivalentes ao 11,5% do PIB). Unha alza na inflación que a tentarán compensar cunha subida dos intereses, o que agudizará á xa latente confrontación da administración Trump coa Reserva Federal. Todo iso repercutirá na actividade económica e no emprego. Aínda que é moi cedo para facer afirmacións contundentes, os primeiros sinais que chegan dos Estados Unidos -procedentes maiormente dos mercados financeiros- anuncian unha perda de impulso da actividade, un repunte inflacionista e avisos de perdas de emprego. Mesmo hai quen anuncia a aparición da pantasma da estanflación (estancamento con inflación).


Por outra banda, é moi probable que este política acelere o illamento dos Estados Unidos e que os demais Estados acentúen os movementos para crear novas alianzas comerciais e/ou afianzar as existentes (con especial incidencia nos BRICS). Tamén me atrevería a afirmar que poida que axude a que a influencia comercial no mundo destes amplíese con lazos máis fortes e socios. Nesta liña si entra a tese de que a nova política comercial estadounidense pode axudar á afianzar á Unión Europea. Veremos en que quedan as iniciativas que están a brotar en Europa a favor de facerlle boicot aos produtos estadounidenses ou, cando menos, para frear o consumo de artigos estadounidenses: rechamante a caída de vendas en Europa dos vehículos Tesla propiedade de Elon Musk, o novo gurú de Donald Trump.


Seguindo coa Unión Europea, algo tamén aparece no horizonte e non precisamente optimista: un incremento do militarismo que se reflectirá nun maior gasto público en armamento. Algo que, digan o que digan os gobernantes europeos, afectará negativamente ao xa debilitado estado de benestar. Menos benestar, menos emprego, maior inestabilidade e tamén maior debilidade produtiva. Como se pode ver, estas non son razóns para o optimismo. Non cabe pensar que o declive do imperio estadounidense non afecte negativamente a unha Unión Europea que nos últimos tempos, e coa guerra de Ucraína, non fixo máis que aumentar a súa dependencia dos Estados Unidos.


Por outra banda, e para finalizar, esta ofensiva comercial dos Estados Unidos colle á Unión Europa nun momento en que a unión política, que sería necesaria para elaborar unha estratexia común, presenta importantes fisuras, como proba a súa incapacidade para atopar o seu lugar nas negociacións de paz en Ucraína que están a levar adiante de maneira unilateral Rusia e Estados Unidos. Un marco no que a Unión Europea aparece dividida como evidencian as distintas posturas sobre enviar ou non tropas europeas de seguridade, como tamén diante do modo de financiar un maior gasto en defensa. E si xa de seu a Unión Europea non tivese xa poucos problemas, internos e externos, agora vén o megalómano de Trump cos seus aranceis e o seu intento de ningunearla. En relación con isto último, ben podería parecer que o obxectivo de Donald Trump coa Unión Europea é realmente o de facela desaparecer dun escenario internacional bipolar (Estados Unidos-China) e reducila ao mínimo como rival comercial.
 

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Máis opinión
Opinadores

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE