Greenpeace e os custos de defender a natureza fronte aos depredadores

Manoel Barbeitos
Economista

Greenpeace
Greenpeace


 

Esta semana pasada soubemos que un xurado popular vén de darlle a razón á petroleira Energy Transfer na súa demanda contra a prestixiosa organización de defensa do medio ambiente GREENPEACE finalmente condenada a pagar unha indemnización de mais de 660 millóns de euros. Son os custos de defender a natureza fronte aos depredadores.


 

A chegada á Casa Branca de Donald Trump á fronte dun moi poderoso grupo de oligarcas (entre os que hai destacados negacionistas como a citada petroleira) xa anunciaba que a loita contra os críticos do cambio climático e a crise ecolóxica global ía ser un dos seus obxectivos estratéxicos e para iso unha das prioridades sería derrotar e destruír o movemento ecoloxista mundial. Outro sería combater todas as políticas orientadas a frear o cambio climático e o crecente uso de combustibles fósiles. Batallas que tiveron a súa primeira manifestación relevante na decisión da Administración Trump de retirar os Estados Unidos do Acordo climático de París como xa fixera na anterior presidencia.


 

Agora trátase de poñer o foco en GREENPEACE, buscando a súa destrución, pola condición de referente ecoloxista a nivel mundial. Neste caso Energy Transfer acusa a GREENPEACE dos prexuízos causados polas protestas indíxenas contra un dos seus oleodutos en Standing Rock (Dakota do Norte). Unhas protestas masivas que se producen dende hai décadas, que contaron de sempre co apoio entre outros de GREENPEACE a quen agora queren castigar con sancións como esta. Sancións que son tamén un ataque á autoorganización destes pobos indíxenas que veñen realizando mobilizacións históricas contra as petroleiras que están esnaquizando os seus hábitats. Unhas petroleiras que agora con Donald Trump na Casa Branca séntense máis poderosas que nunca.

 

 


 

Para maior detalle é importante saber que en Standing Rock, que forma parte da Reserva síux, estanse producindo as maiores mobilizacións indíxenas do último século en Estados Unidos. Mobilizacións en contra da instalación duns oleodutos que ademais de destruír un sitio sagrado e un cemiterio síux poñen en moi serio risco o subministro de auga potable para os pobos indíxenas que habitan na zona. Pobos que suman mais de 17 millóns de persoas que ven como os intereses dunha petroleira poñen en cuestión a súa saúde e a súa vida ademais de non respectar a xurisdición sobre o territorio que teñen recoñecida nos tratados asinados co goberno dos Estados Unidos. Cómpre tamén saber que neste proxecto, que supón un investimento de 3.800 millóns de dólares, a petroleira Energy Transfer non está soa pois conta co apoio da grande banca financeira estadounidense, que lideran Goldman Sachs e Bank of America, todos eles integrantes do grupo oligárquico que financiou a campaña de Donald Trump e que agora lle pasa a factura.


 

Se días atrás poñíamos o foco en ALTRI e a súa intención, firmemente apoiada polo goberno galego de quenda (PPdeG), de montar unha factoría cuxa actividade provocaría un enorme desastre ambiental e produtivo nunha área especialmente sensible

(https://gal.galiciapress.es/artigo/opinion/2025-03-21/5225788-altri-e-intereses-creados), agora nos trasladamos aos Estados Unidos para mostrar como a nova administración republicana no seu apoio a empresa petroleira ENERGY TRANSFER camiña na mesma liña estratéxica de non respectar o medio ambiente nin os dereitos dos habitantes da contorna ao tempo que intenta destruír a quen apoia e defende os dereitos dos cidadáns afectados pola actuación dunhas corporacións que poñen a súa inmensa avaricia por riba da necesaria conservación da natureza e o medio ambiente así como dos lexítimos intereses dos cidadáns. Corporacións que conseguen o apoio de gobernos autoritarios e corruptos financiando as súas campañas electorais, colocando os seus directivos e dirixentes nos consellos de administración, dando orientación e forma as súas políticas, etc. etc.

 


 

O que está agora a suceder con GREENPEACE é unha mostra máis de até onde están dispostos a chegar estes depredadores. Non é o primeiro caso nin será o último pero son os custos de defender a conservación da natureza, a vida na terra fronte aos depredadores. Na Galiza sabemos moito disto e de que corren malos tempos para o medio ambiente.

 

 


 


 

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Máis opinión
Opinadores

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE