ALTRI e os intereses creados

Manoel Barbeitos
Economista

Ría de arousa altri
Ría de arousa altri

Coñecendo a traxectoria política do PPdeG e os intereses que defende non caben sorpresas sobre a súa posición a prol da factoría para a creación de fibra téxtil a partir da madeira (ALTRI) que non é moi distinta a que mantén coa factoría de produción de pasta de papel (ENCE). Son “intereses creados” cunha minoría oligopolista e financeira que nada ten que ver cos intereses e necesidades das maiorías, neste caso, da poboación galega.


Unha das razóns que explican o longo dominio do PPdeG en Galicia está na súa intelixencia para convencer a moitos centos de miles de galegos e galegas de que eles son o partido que mellor representa e defende os intereses da maioría, a pesar de que a realidade non é tal como a venden nin moito menos, como estamos vendo agora con este caso de ALTRI. Unha “hexemonía”, un liderado que as esquerdas non parecen quen de conseguir cuestionar e substituír por razóns que xa debullei reiteradamente neste medio. Un liderado que vai moito máis aló da Xunta de Galicia e que converte as forzas da oposición en secundarias.


Entrando no caso concreto de ALTRI, podemos preguntarnos que é o que leva á este goberno de quenda (PPdeG) a puxar tan fortemente por un proxecto empresarial que claramente divide o país pois está recibindo moitos e moi relevantes rexeitamentos que promotores e goberno galego alimentan coa súa actitude escurantista e mesmo terxiversadora. En relación coa empresa, ao día de hoxe, aínda hai dúbidas sobre a real natureza da súa actividade produtiva (fibra téxtil ou celulosa?). Pola parte da Xunta de Galicia a súa posición “esta baixo sospeita” posto que é de sobras coñecido que en postos relevantes tanto da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio como de Economía, Emprego e Industria hai persoal con fortes vínculos (“intereses creados”) tanto con GREENALIA (sociedade en consorcio con ALTRI) como cunha das empresas máis contaminantes de Europa (ENCE).


Dende unha perspectiva xenuinamente democrática cabería esperar que a Xunta de Galicia abrira un diálogo franco e sincero coa sociedade civil, cos representantes locais dunha contorna (comarcas de Arzúa, Melide, Deza) con altos valores ecolóxicos así como os das posibles zonas afectadas (Barbanza e Arousa), cos colectivos relacionados co sector primario que se consideran prexudicados (confrarías e sindicatos agrarios) e tamén coa comunidade científica (USC) que ten elaborado informes moi negativos sobre o proxecto (impacto na calidade do aire, no consumo de auga, nun terreo cun entorno natural sensible, na intensa eucaliptización, no uso de combustibles fósiles...) na procura dun consenso amplo que, hoxe por hoxe, non existe e que dada o momento que vivimos de crecente crise ecolóxica é máis necesario que nunca. A democracia non só a representan os políticos gobernantes senón tamén a participación do pobo na toma de decisións sobre aqueles asuntos que lle afectan como sucede neste caso.  


Á sociedade civil galega non se lle poden negar razóns para desconfiar de proxectos industriais como o caso que nos ocupa (ALTRI). Chega con analizar as características do sector industrial de Galicia para comprobar como as factorías cuxa actividade ten unha gran pegada no medio ambiente e nos recursos naturais  (mineiras, papeleiras, metalúrxicas, enerxéticas...) son abafante maioría. Factorías que, por outra parte, sementan dúbidas fundadas sobre o seu balance global na contribución á creación de valor engadido e de riqueza e aí están as evidencias empíricas para confirmalo. Factorías que, por outra parte, reciben para a súa posta en marcha axudas públicas moi suculentas.


Evidencias que tamén serven para, por caso, confirmar os fortes vínculos que directivos e accionistas destas empresas teñen co Partido Popular (PP) e mesmo co propio PSOE a través das famosas “portas xiratorias”

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Máis opinión
Opinadores

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE