O PSdeG-PSOE celebra o seu XV Congreso Nacional a fin de semana do 8 ao 9 de marzo e pode ser oportuno debullar algunhas opinións sobre esta organización, o seu presente e o seu futuro. Nun artigo anterior neste mesmo medio (https://gal.galiciapress.es/artigo/opinion/2024-12-13/5106428-viaxe-ningures-da-socialdemocracia-galega) eu xa preguntaba se se mantiña na liña histórica de partido galeguista e socialdemócrata. Tamén debería terme preguntado se, por fin, o partido era quen de rematar coas constantes liortas internas que tanto danan a súa imaxe. Nas vésperas do citado congreso debo recoñecer que, na opinión de quen isto escribe, as dúbidas sobre todo o anterior están máis que xustificadas.
Dado o estado de debilidade en que actualmente vive o PSdeG-PSOE e no marco da profunda crise (terminal?) que atravesa a vella socialdemocracia europea, non parece que lle sexa doado debuxar un perfil socialdemócrata para Galiza. Se o emprego e o benestar social foron os principais sinais de identidade daquela, na actualidade e no marco dunha crise do modelo neoliberal dominante nas últimas décadas tal que moveu todos os marcos, parece necesario ampliar a fondo o perfil socialdemócrata e engadir ás vellas reivindicacións outras máis novas como a loita contra o cambio climático e a crise ambiental, a defensa dun novo modelo de crecemento económico sustentable e non especulativo, o feminismo e a batalla contra todo tipo de desigualdade, a procura da paz no mundo...reivindicacións que no seu conxunto debuxan unha estratexia máis ampla e pluralista.
Tamén un perfil galeguista hoxe moi necesario dado o retroceso soberanista que o longo mandato conservador (PPdeG) está provocando en Galiza, actualmente convertida máis nunha rexión que nun país. Un perfil que debe plasmarse politicamente tanto na reivindicación dunha nova lectura do actual Estatuto de Autonomía (resulta indiscutible que a Galiza de hoxe non é a de 1981), como na defensa dunha reforma fiscal e un novo sistema de financiamento autonómico. Todo elo nun marco político-cultural de defensa dun idioma que esmorece por razóns políticas e que teñen ao PPdeG como un dos seus principais responsables.
Se a nivel ideolóxico e estratéxico se botan en falta principios e ideas claras, a nivel orgánico a imaxe que reflicte o PSdeG-PSOE é a dun partido moi burocratizado, con indiscutibles fallos a nivel de democracia interna e con un moi débil pulso social a pesar da súa notable forza municipal. Un partido onde os personalismos e as loitas fratricidas concentran demasiadas enerxías como, por caso, estamos vendo nestes días cando o que era un enfrontamento no grupo local de Compostela rematou converténdose nun pulso político entre distintas familias que non parecen ser quen de deixar á marxe os personalismos e converter as lóxicas diferenzas dunha organización plural nun proxecto colectivo no que todos teñan cabida e saiban convivir en camaradería.
Será este XV Congreso Nacional o escenario que cree as condicións políticas para que o PSdeG-PSOE se dote dunha estratexia e una táctica axustadas á realidade actual de Galiza? Será tamén quen de crear organicamente un espazo político onde os personalismos e as loitas cainitas cedan o paso á camaradería e á fraternidade entre os seus militantes?
Galiza necesita iso, por tal razón veremos se son quen de estar á altura das súas responsabilidades co país galego ou polo contrario seguen co seu particular bolero de Ravel.
Escribe o teu comentario