Nas últimas eleccións autonómicas o PSdeG (PSOE) sacou o peor resultado na historia da autonomía galega: 9 deputados. Para mellor entender esta desfeita seguramente haxa que retroceder uns anos e visualizar o seu percorrido logo da perda da Xunta de Galicia que presidira na lexislatura 2005-2009. Un percorrido de cinco lexislaturas marcadas polos frecuentes cambios de liderado e as conseguintes batallas cainitas que primaron sobre os debates políticos. É ben certo que a actual crise do PSdeG-PSOE non pode separarse da crise xeral que atravesa a socialdemocracia europea (unha crise de identidade e de ubicación) pero, neste caso, hai ademais unha serie de claves que teñen un perfil exclusivamente galego como poderemos ver.
Dende a perda do goberno galego o PSdeG-PSOE tivo 5 secretarios xerais nun período de 15 anos. Un dato que por si só xa da a idea dunha organización que mira máis ao seu interior que á sociedade galega. Unha organización con constantes conflitos internos que desencaixan calquera proxecto estratéxico e mesmo calquera ideoloxía política. Así un espectador atento a este percorrido do PSdeG-PSOE pode comprobar facilmente como as razóns de tales mudanzas na secretaría xeral son máis produto das ambicións persoais que das diferencias políticas. Mudanzas que sen dúbida explican esa desfeita a nivel autonómico.
Porque se votamos unha ollada a implantación a nivel local (96 alcaldías, 2 deputacións e 1.010 concelleiros) temos a evidencia de que esta organización é unha grande forza a nivel municipal, o que supón un notable poder político. Algo que a nivel de representación se confirma cos resultados nas eleccións ao Parlamento español onde con 7 deputados e case medio millón de votos situase moi por riba das outras esquerdas (Sumar: 2, BNG: 1). Uns resultados que abren a porta a unha lectura que apunta a que o problema político desta organización seguramente está máis nas súas elites que nas bases e na propia organización xa que aquelas parecen estar mais preocupadas polo seu devir político que polo do país galego. Un comportamento que conduce a que o PSdeG-PSOE apareza, hoxe por hoxe, coma unha organización moi burocratizada pero sen principios nin ideoloxía políticos definidos.
Lembremos que nalgún momento da súa curta historia esta organización se definiu como galeguista e socialdemócrata e que tivo un papel decisivo na definitiva consecución dun Estatuto de Autonomía que non desmerecera do vasco e o catalán e que supuxo un paso adiante moi importante na institucionalización da soberanía de Galicia. Con esta bagaxe podemos preguntarnos: o actual PSdeG-PSOE mantense nesa liña ideolóxica e política? Non é unha cuestión calquera porque resulta indiscutible que para un cambio progresista en Galicia a participación desta organización será necesaria, diría imprescindible.
Escribe o teu comentario