Todas as miñas preocupacións

Rodrigo Brión Insua

Resulta que o CIS, ese organismo que fai predicións tolas baseadas na opinión duns cantos enquisados, revelou que a maior preocupación dos españois é a inmigración. E resulta que, por unha vez, ninguén pon en dúbida ao CIS e creémonos cos ollos pechados que si, que efectivamente os forasteiros son o tema que quita o soño patrio. É raro que nun país que ten un problema estrutural co prezo dos alugueres, que vive coa calculadora na man para poder facer a compra e chegar a fin de mes ou que ten unhas listas de espera interminables na sanidade pública atope no seu veciño Wilfred José ou no seu compañeiro de traballo Hassam Ali aos responsables do seu insomnio. Porque cando falamos de migrantes non pensamos nos Hans ou Filippo que elixen Mallorca ou a Costa do Sol para gozar da súa xubilación, senón nos que nos serven os kebabs, pasean aos nosos avós ou recollen os tomates que chegan á nosa mesa.
 

Serei eu o raro, pero as miñas preocupacións son outras. Preocúpame que haxa países en África que sofren crises climáticas que oscilan desde as secas máis severas até as inundacións máis destrutivas. Preocúpame que haxa xente que se vexa obrigada a abandonar a súa casa porque a fame, a miseria ou a enfermidade empúxalles a dirixir cara ao descoñecido. Preocúpame que haxa nenos e mulleres cruzando o deserto a pé, día e noite, durante semanas, sometidos ás condicións máis extremas. Preocúpame que as mafias se aproveiten deses peregrinos e que os saqueen coa promesa dun futuro como o dos europeos. Preocúpame que a inacción e o pasotismo en Gaza, en Libia ou en Siria poida provocar unha nova crise migratoria á que só agora nos estamos asomando discretamente. Preocúpame que alguén poida atopar máis seguro o mar que a terra e láncese á auga en chatarras flotantes no mellor dos casos. Preocúpame que cada día saia un titular no que digan que morreron afogadas 10, 15, 20 ou 50 persoas que viaxaban a bordo dun caiuco. Preocúpame que o Mediterráneo sexa o cemiterio máis grande do planeta e fagamos coma se non.

 

Tamén me preocupa esta sorte de amnesia colectiva que nos fai esquecer o noso pasado. O noso pasado migrante, para máis inri. Porque todos temos unha avoa, un tío, unha bisavoa ou un pai que cruzou o Atlántico, que fixo fortuna en Suíza ou que se instalou en Alemaña, non sempre coa seguridade de ter un emprego ao chegar ao seu destino e a maioría das veces viaxando como polisón. E é raro non atopar con alguén cun curmán, un veciño ou amigo que se marchou a Inglaterra de camareiro, a Estados Unidos de albanel ou a estudar a Madrid. Porque tamén a forza gravitacional das grandes cidades atrae aos corpos da España baleirada, converténdoa nun secarral que, paradoxalmente, só os migrantes poden reanimar. 

 

A inmigración pasou de practicamente pechar o TOP-10 das preocupacións en maio a escalar até a cima este outono. A iso contribuirían os discursos de odio que alimentan as redes sociais e moitos telexornais, relacionando -sen base algunha- as violacións ou asasinatos coa cor da pel ou a relixión do agresor. Resístome a crer que haxa tanta xente que se trague todas esas falsidades, pero vexo o número de votos que tivo ‘Acabouse a festa’ o pasado xuño e pásalleme a bobada. Non atopo razóns para considerar que os migrantes son un mal que hai que atallar neste país, e máis cando os enquisados, aqueles que din que a inmigración é un problema e asóciaa con conceptos negativos, logo din que as súas experiencias con persoas migrantes foron maioritariamente positivas. 

 

En que quedamos? Por que é unha preocupación un asunto que o Congreso dos Deputados deixa ao carón o día que ía tratarse para falar, como non, de ETA, organización que se disolveu fai xa máis dunha década, e exhibindo as fotos das vítimas, que piden que non llas instrumentalice como fixo o señor Tellado? Podemos celebrar un gol de Nico ou Lamine á vez que pedimos que deporten aos seus pais? Cantos de aquí queren ser kellys, ter soldo de kelly e limpar o lixo dobrando o espinazo desde o amencer até o anoitecer como una kelly? Preguntará o CIS de outubro se debe haber fontes públicas para españois e fontes para “outros”? Serán de verdade os migrantes os que impiden que o meu sobriño e os seus compañeiros de clase non falen papa de galego, tal e como deslizan desde a Xunta? Cantos centros para MENAs poderíanse construír co diñeiro que lle deu o emérito a Bárbara Rei? Vaia home, agora asáltanme as preguntas e as preocupacións. Pero os migrantes seguen sen ser unha delas.  


 

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Máis opinión
Opinadores

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE