Cando a política se volve esperpento

Manoel Barbeitos
Economista

 Esperpento: Persoa, cousa ou situación grotesca ou estrafalaria. 
 

 

Mentres unha maioría da poboación catalá quere deixar atrás o procés e iniciar unha nova etapa un sector relevante, pero minoritario, da clase política catalá, cuxo máximo representante é Carles Puigdemont, négase a aceptar os novos tempos e trama por manter unha situación de confrontación que en nada beneficia a Cataluña e, de rebote, a España aínda que isto é o que menos parece importarlle aos de JxCat, máis ben diría que gozan coa situación. En realidade, o peor non é o problema político que se deriva desta actitude, senón a deterioración da imaxe de Cataluña como comunidade avanzada, democrática e tolerante. Non por casualidade as dereitas españolas e os seus altofalantes mediáticos están a aproveitar a fondo este esperpento para deteriorar a imaxe de Cataluña a nivel español e europeo.
 

Porque coa súa actitude este sector do soberanismo catalán está a pór en evidencia pola súa banda un enorme déficit de cultura democrática e un concepto moi patrimonialista de Cataluña. Tamén falta de visión política a medio e longo prazo porque aínda que é certo que poden temporalmente desvirtuar o escenario político, crear crispación e enfrontamento o tempo xoga en contra súa. As probas tivémolas cando a pesar dos intentos en contra de Puigdemont e a súa xente o Parlamento catalán celebrou con toda normalidade a sesión de investidura e este foi o acto político máis relevante e decisivo en Cataluña na xornada do 8 de agosto.


Porque nunha democracia na que o Parlamento, máximo representante da soberanía popular, funcione correctamente e exerza as funcións que lle están asignadas como, por caso, a elección do presidente de goberno nunha sesión de investidura é o que cumpre. E iso foi o que sucedeu o día 8 de agosto. O Parlamento catalán por unha maioría absoluta de 68 votos, grazas ao apoio de tres forzas parlamentarias: PSC, ERC e Comúns, elixía como Presidente da Generalitat a Salvador Illa, candidato do PSC. Unha votación na que por certo, e contradicindo unha vez máis as súas afirmacións, non estaba o señor Puigdemont que volveu dar unha cumprida mostra tanto da súa covardía como do seu concepto esperpéntico da acción política.
 

Pero a democracia en Catalunña, que é o que realmente conta, funciona. Agora producirase o traspaso de funcións, o nomeamento do novo goberno e será entón cando os cataláns e catalás poderán ver si este cumpre coas expectativas creadas. Se o novo goberno empézase a preocupar, e a tomar medidas, polos problemas que realmente lle afectan a maioría das catalás e que non son moi diferentes aos da maioría dos europeos. Así, e segundo as enquisas máis serias, a vivenda é o problema que máis preocupa (32%).


Unha reflexión final: o anterior non me impide o pensar que o esperpento tamén se pode trasladar a un sector relevante do poder xudicial español como, por caso, sucede con maxistrados do Tribunal Supremo (#TS). Algo sobre o que escribín repetidamente neste medio e que se puxo de manifesto no xuízo e as condenas aos políticos do procés (que foron tratados como terroristas) e de novo en evidencia cando mentres Puigdemont pode pasear libre por Europa sen que a xustiza europea impídallo pero en España non pode facelo porque, a pesar da amnistía, algúns maxistrados españois seguen obsesionados con metelo na cadea.
 

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Máis opinión
Opinadores

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE