As eleccións ao Parlamento europeo e o futuro de Europa

Manoel Barbeitos
Economista

Anda que o Parlamento Europeo non ten, nin de lonxe, as competencias dun parlamento nacional, que son as propias dun órgano lexislativo que representa ao pobo (Art.66 C.E.) en quen reside a soberanía nacional (Art. 1. C.E.) as eleccións que se van a celebrar este domingo, 9 de xuño, non deixan de ter a súa especial relevancia que deriva de varios factores.

 

En primeiro lugar, porque se van a celebrar nunha conxuntura na que a Unión Europea no seu conxunto atravesa unha longa onda de baixo crecemento económico que nin Alemaña foi quen de evitar. Unha situación recesiva que pon en cuestión tanto as políticas aplicadas desde a explosión da crise bancaria (2009) como os propios tratados que conforman a eurozona.

 

Unha conxuntura marcada a nivel político por un forte auxe das forzas de extrema dereita que, sumadas ás forzas conservadoras, que están a asumir as súas ideas extremistas, poden converter en hexemónicas a nivel parlamentario. Unha alianza que, como estamos a ver en non poucos estados da Unión Europea (Italia, Holanda, Suecia, Portugal, Hungría, Polonia, Eslovenia...) carrexa grandes retrocesos tanto en materia de dereitos e liberdades como a nivel de benestar e seguridade.

 

Unhas eleccións parlamentarias que collen ás esquerdas co pé cambiado. A crise sistémica da vella socialdemocracia europea, a práctica defunción do movemento comunista e as dificultades que mostran as “novas esquerdas” para ocupar o baleiro deixado por aquelas configuran un escenario moi incerto para estas forzas algunhas das cales foron claves no seu día para a configuración da actual Unión Europea.

 

Unha Europa na que por mor da guerra en Ucraína, fronte a toda lóxica e as propias experiencias históricas, soan cada vez con máis forza os tambores de guerra que ameazan con prolongar un conflito que corre o risco de ampliar e de que, dado o arsenal nuclear con que contan algúns dos contendentes, abre a porta a un holocausto final.

 

Velaí algunhas das razóns máis poderosas para afirmar a importancia das próximas eleccións ao Parlamento europeo. A pesar diso, se atendemos ás campañas que, por caso, veñen desempeñando a maioría dos partidos que se presentan a estas eleccións atopámonos con que son os asuntos nacionais e as batallas partidarias quen ocupan o centro das axendas en prexuízo dos asuntos que deberan ser obxecto de debate como, por caso, para onde camiña esta Unión Europea? Pode a Unión Europea camiñar sobre as mesmas bases ou hai que construír unhas novas? Por caso, é sostible o modelo actual? É a guerra o único medio de resolver os conflitos? Está Europa condenada a unha concentración cada vez maior da riqueza? Son a mentira e o barro os novos instrumentos da acción política?


 

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Máis opinión
Opinadores

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE