Escritor nado en Cabana de Bergantiños, administrador de Noticias Bergantiños, A Costa Verdescente e Poesía Galega Ceibe, entre outras páxinas e grupos. Actualmente é locutor do programa radiofónico Faros de radio Roncudo Corme e colabora como redacción para 21noticias.com na Comarca de Bergantiños, ademáis é articulista de opinión na prensa dende hai varias décadas. (foto de Arquivo AELG - distrito Xesmar)
En pleno mes de febreiro ningún partido político en Galicia tivo a gallardía de abanderar o peche das dúas Alcoas ou de calquera proxecto con cheminea que puidese xerar empregos a custo dos danos que calquera lugar sufrise, porque baixaban nas enquisas, aínda que o resultado foi para moitos a caída da torre de Babel. E nun pequeno reduto da Gallaecia rural, por onde o Camiño de Santiago se colorea de verde, armados con pancartas e gaitas galegas, un grupo de aguerridos aldeáns fan fuxir aos informadores de Altri, co seu proxector de diapositivas de segunda man debaixo do brazo, asustados polas súas “aturuxos” aterradores mentres cantaban cánticos de guerra nun galego profundo que nin lograron entender.
Algún “carallo” e algunha palabra enxebre foi o detonante desa espantada de Greenfiber, xa antes desertores da súa propia patria, pois tampouco Portugal mordeu o anzol dos seus miles de postos de traballo cun nova bio-cheirona xigante de cuxas augas tratadas salguen troitas fluorescentes con sabor a eucalipto. E a historia parece repetir, pois xa en 1976 en Ponteceso, onde alcaldes máis bravíos, en tempos máis democráticos, encabezando a Santa Nai das manifestacións, sen cantar e sen ruído, coa soa presenza de tres comarcas nunha soa rúa, convenceron a un Caudillo moi bondadoso, de non plantar unha planta de celulosa a poucos metros da casa natalicia do autor da letra do himno desta Galia.
Parece que xa recula a plana maior da Pontón e o seu batallón, pois en febreiro apostaron polo voto obreiro e hoxe, despois do Día Mundial da auga, aos nacionalistos e nacionalistas parécelles moito beber do rio Ulla a esa planta tan Eco-Bio. E mentres Besteiro fracasou en “febreiro” e se deshinchó o seu amplo abanico en San Caetano e espera paciente as ordes de San Pedro Sánchez de ir ou vir, ou quedar calado, mentres os seus candidatos de Melide e arredores, simpatizantes e afiliados, decántanse pola gaita e a pandeireta para loitar polos seus verdes prados desencantados por eses cantos de sirena da empresa que xa só apoia o César Rueda e algúns familiares próximos.
Esta en pé de guerra toda Ulloa e, segundo pasan as horas, o discurso dos líderes tribais, sexan galos ou “ruedianos”, soa a dúbida, un a ver que pasa, balóns fóra, que manda Bruxelas, e até en Palas de Rei titubea o alcalde entrevistado porque os informadores de Altri emigraron e soan demasiadas muiñeiras polo seu propio prado.
“Ningún home é o bastante bo para gobernar a outros sen o seu consentimento”. (Abraham Lincoln)
Escribe o teu comentario