Luces e sombras dun debate electoral

Manoel Barbeitos
Economista

O debate electoral televisivo (#TVG) que tivo lugar o pasado luns, 5 de febreiro, deixou luces e sombras que, pola súa relevancia e interese merecen ser analizadas. Pero antes, e para unha máis certeira visión de conxunto, parece necesario subliñar dous factores a ter en conta.

 

En primeiro lugar, a evidencia de que a dirección da CRTVG para o debate fixou un formato destinado a favorecer descaradamente as posicións do señor Rueda (PPdeG) en claro prexuízo do resto de dirixentes políticos (señoras Pontón (#BNG), Lois (Sumar) e Faraldo (Podemos); señor Besteiro (#PSdeG)). A exclusión de VOX e a inclusión de Sumar e Podemos buscaba claramente crear un escenario de só ante o perigo para o señor Rueda quen, no papel dun Gary Cooper á galega, aparecería como representante do sentidiño e o acougo fronte ao barullo dunhas esquerdas incapaces de pór de acordo entre si. En segundo lugar, esa dirección puxo como “guías do debate” a uns xornalistas moi mediocres pero obedientes ao mandato de protexer ao “xerife”.

 

Velaí o que permitiu que aparecesen as primeiras luces do debate. As esquerdas, de forma intelixente, non caeron na trampa que lles puxeron, deixando en evidencia que serán quen de entender á hora de formar goberno e de aceptar a presidencia da señora Ana Pontón se os electores lles dan unha maioría suficiente (38 ou máis deputados).

Ese comportamento sectario da dirección da CRTVG serviu tamén para pór o foco na situación actual dos medios públicos de información e opinión, onde tanto se lesionan os dereitos e liberdades dos traballadores como se manipula a información de forma moi groseira.

 

A pesar da ausencia de Vox, tamén quedou en evidencia a pluralidade política do mapa partidario galego. Unha pluralidade que enriquece a democracia e que, como veremos seguramente o día 18, favorece a unha menor abstención que, tal como reflectimos nun artigo anterior, premia ás esquerdas.

 

Aínda que o nivel medio, política e intelectualmente, das intervencións non foi moi alto, quedou tamén en evidencia que os debates políticos, nos medios públicos e privados, axudan a un maior e mellor coñecemento das distintas alternativas políticas e dos seus dirixentes, o que vai en beneficio da democracia. Desbaste que o PPdeG non o entenda así e pareza ter medo a máis democracia. Finalmente, é de xustiza destacar que, a pesar do subliñado sobre o nivel xeral do debate, algunhas intervencións dos portavoces, con Ana Pontón nun lugar moi destacado, foron politicamente certeiras.

 

Entre as sombras cabe empezar polo ríxido formato do debate que deu lugar a que este transitase por unha sucesión de monólogos que seguramente aburriron a non poucos espectadores. A ausencia de marcos de referencia dos distintos temas, que debería ser obra dos programadores, non axudou a un bo enfoque dos mesmos nin tampouco a un mellor coñecemento das distintas propostas. Tampouco axudou, como subliñaba antes, o contar con xornalistas de moi baixo perfil profesional, sen iniciativa nin capacidade (“estatuas de sal”) para iluminar e incentivar o debate. Factores estes que hai que anotar no debe da dirección de CRTVG e que claramente empobrecieron o acto electoral.

 

O debate tamén serviu para confirmar que para ser presidente da Xunta de Galicia non fai falta ter un nivel político e intelectual moi alto. A imaxe do señor Rueda como presidente actual e candidato a continuar foi moi, moi pobre. Quedou tamén a sensación final de que os debates televisivos teñen as súas limitacións e de que, neste caso, a súa influencia sobre o resultado electoral do día 18 será mínima ou nula.

 

Como balance final, reiterar o sinalado no artigo anterior de que hai partido e de que o resultado final vai depender excesivamente do grao de participación electoral. A maior participación maiores serán as posibilidades das esquerdas de chegar a gobernar a Xunta de Galicia.

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Máis opinión
Opinadores

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE